Persoas xubiladas e pensionistas mobilízase en defensa da sanidade pública e o dereito a unha atención de calidade

Denuncian que as políticas de deterioro do sistema público aplicadas pola Xunta afectan de maneira máis grave ás persoas maiores
Nacional - 26 Feb 2026

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG concentrouse esta mañá en centros de saúde da Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Compostela e Vigo e na porta principal do HULA en Lugo, en defensa da sanidade pública e o dereito a unha atención sanitaria digna e equitativa para todas as galega e galegos.

As protestas, que terán continuidade nos vindeiros meses, enmárcanse na campaña que o colectivo está a desenvolver para denunciar o desmantelamento e a privatización do sistema e como este deterioro planificado na atención sanitaria afecta de maneira máis grave ás persoas maiores.

Critican a situación insostíbel na que se atopa a sanidade pública por mor das políticas aplicadas polo Goberno do PP na Xunta, que provocan listas de esperar inasumíbeis, derivacións sistemáticas á sanidade privada, e mesmo penalizacións para “quen decide defender o seu dereito a ter atención na pública”.

Demoras que empeoran as doenzas

Advirten que, para as persoas maiores de 60 e 65 anos, para quen vive con patoloxías crónicas e “para quen sabemos que o tempo, cando a saúde falla, non é neutro”, estas demoras na atención empeoran a saúde, aumentan a dependencia e, “en demasiados casos, provocan danos irreversíbeis”.

O colectivo incide nas dificultades de acceso á Atención Primaria, “que é a porta de entrada ao sistema sanitario”, con centros de saúde nos que a espera para conseguir unha cita co persoal médico de cabeceira xa supera os dez ou catorce días.

A atención hospitalaria non atravesa unha situación mellor e o colectivo da CIG xa ten recibido denuncias de persoas que tiveron que agardar cinco anos por unha operación de cataratas, de xente que leva meses e anos agardando por unha proba diagnóstica ou de quen “perdeu a saúde de forma irrecuperábel mentres estaba nunha lista de espera”.

“Non somos números nin unha carga”

Neste senso, o colectivo destaca que a defensa da sanidade pública “é unha loita de país, porque tamén é unha cuestión de xustiza social e de dignidade, especialmente para quen deu toda unha vida de traballo”. E subliñan que as persoas xubiladas e pensionistas “non son números nin unha carga”, senón persoas con plenos dereitos.

Por iso, exíxenlle ao Goberno galego que remate coa política de aniquilación da sanidade pública, que poña fin ao desvío de cartos á privada e que planifique e dote dos recursos humanos e materiais necesarios os sistema público para garantir unha atención sanitaria digna e equitativa para todas as galegas e galegos.

Mesas informativas

Como parte desta campaña, ao longo deste mes de febreiro, as persoas que forman parte do colectivo colocaron mesas informativas nas rúas das principais cidades e vilas para recoller escritos de queixa e testemuños de persoas maiores sobre as dificultades e atrancos que atopan á hora de recibir atención sanitaria, “facer visíbel o que se está a ocultar e organizar a resposta social”.

Ademais, xa avanzaron que a campaña se prolongará até inicios do verán con novas accións reivindicativas e informativas nas principais cidades e vilas.