A CIG consegue a maioría absoluta nas eleccións sindicais en TRALUSA

Obtivo 3 representantes do comité de empresa dos 5 a escoller

Compostela -

A CIG acadou a maioría absoluta nas eleccións sindicais que veñen de celebrarse en TRALUSA, do Grupo Monbus, a empresa de transporte urbano de Compostela, nas que obtivo 3 dos 5 representantes do comité de empresa. A central sindical mellora así os seus resultados respecto das eleccións sindicais anteriores.

A FGAMT-CIG de Compostela valora moi positivamente os resultados que considera que veñen avalar o traballo desenvolvido ao longo destes catro anos. Anuncia que o novo Comité quedará oficialmente constituído o vindeiro luns día 7 de outubro e que a partir de aí se iniciará o traballo, no que agarda contar co respaldo de todas as traballadoras e  traballadores.

Denuncia, en todo caso, que estas eleccións sindicais se desenvolveron nun contexto de “moita presión” e salienta que estes resultados foron acadados a pesar do “apoio descarado da empresa á candidatura da UGT, co obxectivo de evitar que a CIG conseguise a maioría absoluta”.

Tralusa é unha UTE formada por AULUSA e TRAPSA para facerse cargo do contrato público do transporte urbano de Compostela. A dinámica empresarial é a de restar representación sindical e, polo tanto, divide aos traballadores e traballadoras nas distintas sociedades para evitar un comité máis forte e favorecer o peso da oficina, algo tolerado pola maioría de UGT e CCOO, en vigor até estas eleccións.

Malia isto os resultados son os seguintes:                                                              

COLEXIO DE ESPECIALISTAS

CIG

UGT

BRANCOS

 53

29

1

* 3 representantes da CIG e 1 de UGT

COLEXIO DE TÉCNICOS

UGT

CCOO

8

2

* 1 representante de UGT

A FGAMT-CIG de Compostela adianta ademais que unha vez constituído o comité retomaranse as negociacións coa empresa na Inspección de Traballo, para solucionar temas pendentes como os contratos en fraude de lei ou o rexistro de xornada. Cuestións das que se informará en asemblea e onde se tomarán as decisións, buscando o maior respaldo ás reivindicacións.

Neste momento esta concesión atópase nun proceso de renovación coa inminente publicación das plicas do novo concurso e nas que o novo Comité de Empresa incidirá no Concello de Santiago para que se recollan tamén as demandas dos traballadores  e traballadoras en materia de condicións sociais, estado dos autobuses e calidade do servizo.

Volver