A CIG consegue a totalidade da representación so SAF de Monforte

Monforte - 21 Dec 2023

A CIG gañou e conseguiu a totalidade da representación no servizo de axuda no fogar do Concello de Monforte (adxudicado á empresa Attende Care) ao obter as cinco delegadas que se elixían para o comité. Deste xeito, a central amplía a súa representación e xunto co resultado obtido nas eleccións de Chantada afiánzase como primeira forza no SAF privatizado no sur da provincia.

A CIG agradece a confianza depositada na súa candidatura e entende que constitúe un respaldo á acción sindical e ás mobilizacións realizadas para evitar que se ratificara o preacordo de convenio sectorial acadado por UGT e CCOO coa patronal, xa que condenaba as traballadoras a seguir tendo condicións de miseria e recortaba o único dereito que lles permitía non perder capacidade adquisitiva: a cláusula de revisión anual conforme ao IPC real.

Con este resultado aválase tamén o traballo realizado polas delegadas da CIG, grazas ao que as traballadoras do SAF de Monforte (ao igual que as de Chantada) están cobrando segundo as táboas salariais de 2023 actualizadas en todos os conceptos á suba do IPC.

Ademais, conseguiron negociar coa empresa adxudicataria que, a partir do 1 de xaneiro, a compensación da quilometraxe se compute dende o centro de traballo e non só dende o primeiro domicilio ao último, como estabelece o convenio. As traballadoras do SAF de Monforte tamén viron incrementado o prezo de compensación dos desprazamentos que pasou dos 0,18cént/km aos 0,22 cént/km.

A CIG agradece a confianza depositada na súa candidatura e reafirma o compromiso na defensa dos dereitos das traballadoras, na loita pola mellora das súas condicións de laborais e salariais e na reivindicación dun sistema público galego de atención ás persoas que integre todos os servizos de coidados nunha única rede.