A CIG logrou a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas no almacén que a empresa de distribución Froiz ten en Lourido (Poio) ao acadar oito das nove persoas que se escollían neste proceso. Deste xeito, a central sindical mellora o resultado acadado hai catro anos, ao conseguir un representante máis no comité.
A central quere destacar a alta participación do persoal nestas votacións, que roldou o 85% do total do censo, obtendo a CIG un total de 138 votos mentes que UGT recibiu 25 papeletas.
Este resultado pon de manifesto o traballo exhaustivo e responsábel dos e das representantes sindicais da CIG, cun modelo baseado na confrontación e no asemblearismo, que logrou acadar importantes melloras laborais no centro de traballo, e que ten como exemplo máis recente a participación masiva do persoal nas folgas polo convenio sectorial do comercio alimentación de Pontevedra.
A CIG-Servizos fai un chamado ao cadro de persoal a seguir unido “xa que nos esperan anos de moito traballo sindical arredor de diferentes cuestións moi importantes como son o traslado ao novo centro de traballo, ou a inquietude que xera en gran parte do persoal a creación dun novo acordo marco estatal do comercio alimentación, impulsado polas patronais e coa complicidade dos sindicatos estatais”.