A CIG faise con 6 das/os 13 membros do comité de IKEA a primeira vez que se presenta ás eleccións

A Coruña - 06 Xun 2023

A CIG fíxose con 6 das/os 13 representantes do comité de IKEA nas eleccións celebradas este luns no centro de traballo da Coruña. Esta é a primeira vez que a central nacionalista concorre ás eleccións nesta empresa, e aínda que só presentou candidatura no colexio de Especialistas, quedou a tan só 1 delegada/o da maioria absoluta.

Para a CIG-Servizos estes resultados extraordinarios demostran a necesidade de cambio nas relacións laborais que teñen os traballadores e as traballadoras de IKEA, empresa na que até agora só tiña representación o sindicato sectorial FETICO xa que ningunha outra organización de clase lograra montar candidatura. Este resultado supón a entrada con forza da CIG e do seu modelo sindical, nunha empresa na que até agora non tiña representación.

Por colexios, no de Especialistas, dun total de 171 votos emitidos, a CIG recibiu 103 votos, FETICO 64 e houbo 2 brancos e 2 nulos. Isto supón que a lista da CIG contou co apoio de máis do 60% dos votos, sacando 6 dos/as 10 delegados/as a elixir. No colexio de Técnicos/as, FETICO foi candidatura única recibindo 40 votos dos 47 emitidos (6 brancos e 1 nulo) dun censo total de 71 persoas, e obtendo os/as 3 delegados/as en xogo.

A CIG agradece a confianza depositada polos traballadores e traballadoras na súa candidatura e reafirma o seu compromiso na defensa dos dereitos laborais e a reclamar as melloras das condicións de traballo para o conxunto dos traballadores/as  da empresa.