A CIG gaña as eleccións en Xiloga e consegue por primeira vez representación nesta empresa

A central obtivo a delegada de persoal que se escollía

As Somozas -

A CIG-Industria vén de gañar as eleccións na empresa Xiloga, situada no Polígono das Somozas, conseguindo á delegada de persoal e obtendo así representación sindical nesta compañía por primeira vez. Dende a Federación de Industria destacan este resultado por canto o polígono das Somozas "é un lugar especialmente hostil á CIG".

Xiloga, empresa dedicada á xestión de residuos e que pertence ao Grupo Toysal, conta cun cadro de persoal de 11 traballadores e traballadoras, dos/as que acudiron  a votar 9. A candidatura da CIG recibiu 7 votos mentres que a de UGT tivo 2, polo que saíu elixida a delegada da CIG. "E iso a pesar de que sabemos que houbo conversas da empresa cos traballadores e traballadoras para 'animar' a votar pola outra candidatura", apuntan dende CIG-Industria.

A central nacionalista agradece a confianza depositada polo persoal na lista da CIG,  reitera o compromiso de traballar pola mellora das condicións económicas e en materia de prevención, así como a introducir unha dinámica asemblearia, de participación e de traslado de información ao conxunto das traballadoras e traballadores, "algo que até o de agora non se facía nesta empresa".

Volver