• Nova

A CIG obtén a maioría absoluta dos votos nas eleccións sindicais na planta de reciclaxe de Lousame

A candidatura da central sindical obtivo 64 votos, fronte os 21 de CCOO e os 29 de UGT
Lousame - 01 Abr 2022

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais na planta de reciclaxe da mancomunidade do Barbanza xestionada por FCC Lousame. A central sindical practicamente duplicou os apoios obtidos respecto das eleccións celebradas en 2017, pasando de 37 a 64 votos, ademais de duplicar neste período a súa afiliación. Deste xeito o comité de empresa queda conformado por 4 delegados/as da CIG (co 55% dos votos, faltou 1 voto para ter tamén a maioría absoluta no comité); 2 de UGT, con 29 votos, e 2 de CCOO, que obtivo 21.

O representante da CIG-Servizos, Paulo Rubido, explica que nas anteriores eleccións sindicais quedaran empatados en número de delegados a CIG e UGT e acordaran unha presidencia rotatoria. “Desde que collemos a presidencia do comité, nestes dous últimos anos, a CIG levou a iniciativa no convenio, cunha xornada de folga e conseguimos un convenio bo, cun incremento de case o 20% en catro anos”.

Xunto a isto, lembra que a CIG encabezou e pilotou as mobilizacións na empresa, máis unha xornada de folga contra a pretensión de deixar esmorecer a planta, co risco que isto supón para os postos de traballo.

Rubido lembra ademais que se trata dunha empresa na que o persoal está altamente sindicalizado, cun elevado nivel de mobilizacións, para garantir os dereitos laborais e salariais e a preservación dos postos de traballo.

Por iso valora moi positivamente os resultados, porque “supoñen un respaldo moi maioritario á nosa liña sindical, de apostar polo conflito, na defensa inquebrantable dos dereitos, e de non concertación social”. Nese sentido, Rubido garante que “as traballadoras e os traballadores poden estar seguros de que teñen o compromiso da CIG de que defenderemos todos e cada un dos postos de traballo na planta”.