A CIG revalida a maioría absoluta en Carrefour Lugo ao obter cinco das nove persoas do comité

A central nacionalista atribúe este resultado ao intenso traballo sindical desenvolvido nos últimos catro anos
Lugo - 11 Xul 2025

A CIG gañou as eleccións sindicais celebradas en Centros Comerciais Carrefour Lugo ao conseguir cinco das nove persoas que se escollían neste proceso, as outras catro representantes foron para FETICO. A central nacionalista revalida así unha maioría absoluta no comité de empresa que é o resultado da intensa acción sindical desenvolvida nestes catro anos en defensa dos dereitos do persoal.

Por colexios, no de persoal técnico a candidatura da CIG obtivo 10 votos e 1 representante, mentres que a lista de FETICO sacou 32 votos e 2 representantes. No colexio de especialistas, a CIG obtivo 53 votos e 4 delegadas/os, a lista de FETICO recibiu 19 votos e 2 representantes, mentres que a lista de CCOO tivo 6 votos, polo que non logrou representación.

Para as delegadas e delegados da CIG este resultado avala o traballo sindical desenvolvido nos últimos anos centrado na defensa dos dereitos laborais e na loita contra a fraude na contratación e o abuso da parcialidade, prácticas habituais de Carrefour Lugo.

Explican que grazas ás constantes denuncias na Inspección de Traballo e na vía xudicial, conseguiuse que a empresa estabilizara emprego ao ter que converter numerosos contratos eventuais en indefinidos e ampliar as xornadas parciais a xornadas completas. Tamén se logrou que a empresa abonara ao persoal os cartos que indebidamente lle deixou de pagar, e neste tempo Carrefour tivo que abonar máis de 70.000 euros en concepto de indemnizacións por incumprimentos e vulneracións de dereitos diversos. 

Xunto a isto, a través da acción sindical conseguiuse avanzar en materias como conciliación, vacacións, modificacións horarias, prevención de riscos, pago de horas extraordinarias, cumprimento dos descansos, etc.

Compromiso de seguir loitando polos dereitos

Tras revalidar a maioría absoluta, a CIG agrade a confianza depositada nas súas candidaturas e  reafirma o seu compromiso na defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores de Carrefour Lugo.

Neste senso, as delegadas e delegados salientan que seguirán pelexando para transformar máis contratos temporais en indefinidos, que se amplíen as xornadas parciais a xornadas a tempo completo, que se abonen os incentivos e primas a todo o persoal, que se cubran as baixas, o respecto ás licencias retribuídas por coidado, corrixir os erros nos cálculos das nóminas, avanzar na prevención de riscos e nas medidas de seguridade, confrontar os abusos e as faltas de respecto, e todas aquelas cuestións que supoñan mellorar as condicións laborais do conxunto do persoal deste centro de traballo.