Asínanse 3.264 contratos diarios no mes de xullo para reducir o paro en só 5.785 persoas

Cada persoa desempregada menos tería asinado máis de 17 contratos
Nacional - 03 Ago 2021

Os datos de paro rexistrado en Galiza no mes de xullo de 2021 constatan o avance imparable da precariedade e a destrución do emprego na industria que xa apuntaban os datos da EPA. Confirman ademais o carácter puramente estacional do pouco emprego creado e a grave situación da muller no mundo laboral. O total de persoas desempregadas en Galiza é así de 151.934, só 5.784 menos que no mes anterior (- 3,67%). Un descenso inferior ao da media do Estado, onde foi dun 5,47%.

Diante destes datos, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia “a enorme temporalidade, tendo en conta que hai un medre dos contratos temporais” e a “salvaxe rotación”.

O carácter estacional da contratación evidénciase no número de contratos asinados. Tal é así que para reducir o desemprego en tan só 5.784 persoas asináronse un total de 101.172 contratos, o que supón 3.264 contratos diarios ou que cada persoa que deixa o desemprego faríao asinando 17 contratos.

Deste xeito hai un total de 15.208 contratos asinados máis que en xuño (+17,69%) e 14.765 máis que no mesmo mes do ano pasado (+17,09%). Isto eleva a temporalidade respecto de anos anteriores xa que os contratos indefinidos diminuíron en 402 respecto do mes pasado e os temporais aumentaron en 15.610.

Pero é que ademais, dos 101.172 contratos totais asinados, 7.004 foron indefinidos (7%) e 94.168 foron temporais (93%). Unha porcentaxe, esta última, que se incrementa no caso das persoas novas e das mulleres. A situación é aínda máis grave se se trata de mulleres novas, menores de 25 anos, que sofren unha temporalidade escandalosa do 96,35%.

Os datos globais permiten concluír, ademais, que non se recuperou aínda o xa precario nivel de emprego que había no último ano sen pandemia, 2019, no que o total de persoas desempregadas era de 150.921.

Desmantelamento industrial

Por sectores, onde se produce o maior descenso absoluto é en Servizos e porcentual na Agricultura. Respecto do sector industrial, Carril lembra que segundo os datos da última EPA o sector da Industria perdeu máis de 14.000 postos de traballo no último ano e denuncia que segundo estes datos de paro rexistrado “o industrial segue sendo o sector no que menos descende”.

Para o secretario xeral da CIG isto vén confirmar o “progresivo desmantelamento industrial”, unha situación diante da que considera “urxente a derrogación da reforma laboral” mais tamén “a posta en marcha dun plan de reactivación económica e reindustrialización que permita a creación de emprego digno que evite que, mes a mes, vexamos como avance a crise e como a precariedade, a temporalidade, a pobreza laboral e a destrución da industria é unha realidade cada vez máis grave”.

A muller a máis castigada

Por sexos, hai 89.226 mulleres e 62.708 homes desempregados. Máis unha vez constátase que o paro feminino diminúe en menor proporción que o masculino, un 2,83% menos, ou o que é o mesmo 2.602 mulleres desempregadas menos que no mes de xuño.

Os datos reafirman que as mulleres seguen sendo as máis castigadas pola pandemia e que a súa reincorporación ao mercado laboral é máis lenta que no caso dos homes. De feito, con respecto ao mes de xuño de 2021 o desemprego feminino descendeu dous puntos menos que o masculino. Mais con respecto do mes de xullo de 2020 a diferenza ascende a case cinco puntos porcentuais.