Caravana de vehículos polas rúas de Lugo para esixir a Linorsa que pague os salarios adebedados
A caravana partiu por volta das 11:30 horas da estación do tren para continuar pola rúa Nicomedes Pastor Díaz, a Ronda da Muralla, seguir pola rúa Montevideo até a Praza de santo Domingo, e dende alí enfilar a rúa do Teatro para rematar a protesta diante da Residencia das Gándaras (un dos centros da Xunta nos que Linorsa ten a concesión da limpeza).
No medio do camiño, a caravana de vehículos realizou dúas paradas diante do edificio multiusos da Xunta e do Sergas, para esixir a implicación da administración galega nun conflito que se vén prolongando dende hai ano e medio, así como reclamarlle que rescinda os servizos de limpeza que ten adxudicados á Linorsa para evitar que se siga acumulando débeda.
Neste senso, Carme Antas, Secretaria Comarcal da CIG-Servizos, apuntaba que nestes momentos as traballadoras e traballadores de Linorsa na provincia de Lugo teñen pendentes de cobrar o 50% da nómina de decembro e os salarios completos de febreiro e marzo.
Por iso a sindicalista volveu denunciar a pasividade da Xunta e urxiu o goberno galego a actuar dunha vez ante os reiterados incumprimentos da empresa cos seus traballadores/as.
Antas tamén matizou que, aínda que os servizos de limpeza dos xulgados foron adxudicados a Clece, este persoal continúa sen cobrar. “Parece que hai un acordo para que a nova empresa -que entrou hoxe no servizo- se faga cargo das débedas, pero haberá que agardar a ver se isto se cumpre”, indicou.
En todo caso, á vista da situación actual de impago, Antas xa adiantou que a próxima semana está convocada unha asemblea de traballadoras/as para valorar a posibilidade dunha convocatoria de folga.