CIG-Saúde pide unidades de fisioterapia nos centros de Monforte e Quiroga para aliviar as listas de agarda

O servizo só se presta no Hospital e no ambulatorio de Chantada, que ten esperas de dous anos
Monforte - 29 Out 2018

A CIG-Saúde denuncia a discriminación que sofre a zona sur de Lugo nos servizos de fisioterapia con respecto a outras áreas de Galiza, así como a lista de agarda do centro de saúde de Chantada para a atención de doentes crónicos derivados/as da atención primaria, que está próxima aos dous anos. Dende a CIG-Saúde de Monforte demandan máis persoal para diminuír as listas de espera no Hospital e que se potencie este servizo nos centros de saúde, creando unidades de fisioterapia nas localidades de Monforte e Quiroga.

A día de hoxe, explican, o Hospital de Monforte ten un cadro de persoal composto por dous médicos rehabilitadores e 5 fisios. Para unha primeira consulta de RHB para peticións de médicos/as de atención primaria hai unha lista de espera "non moi longa, pero para recibir os tratamentos prescritos a lista de espera é maior".

Discriminación con outras áreas

Nesta área só hai un centro de saúde que ten Servizo de Fisioterapia, o de Chantada, que conta cunha lista de espera de até dous anos para atención de crónicos derivados por persoal facultativo de primaria. "Pero se comparamos con outras áreas como a da Mariña, vemos que esta ten 3 servizos de rehabilitación nos centros de saúde de Viveiro, Foz e Ribadeo".

Segundo os datos do INE do ano 2017, nestes tres centros aténdese a unha poboación 21.655, 15.877 e 14.027 habitantes, respectivamente, á que habería que engadir 12.088 habitantes máis atendidos/s pola unidade de Monterroso. "Mentes, na nosa área só hai un centro de atención primaria con este servizo, que atende a 10.637 persoas", subliñan.

Neste senso, dende CIG-Saúde apuntan que Monforte duplica o número de pacientes en comparativa a centros de referencia como Foz ou Ribadeo. "Se se crease a unidade de fisioterapia en Monforte atenderíase a unha poboación de 30.754 habitantes e en Quiroga de 5.333".  Por iso, aseveran non entender por que non se crean dúas novas unidades de fisioterapia nos centros de saúde de Monforte de Lemos e en Quiroga, que aínda que é unha localidade pequena, "está a unha distancia de 30 kms de Monforte e O Caurel dista 70 kms ou máis do Hospital".

Mellorar a atención dos e das pacientes crónicas

Establecer estas novas unidades baixaría a lista de espera deste servizo e melloraría a
atención dos e das pacientes con patoloxías crónicas, como por exemplo a artrose. Estas persoas, lembran, teñen que recibir tratamentos diarios ou en días alternos segundo se lles prescriba. Ademais, o persoal facultativo de atención primaria derivaría directamente ao persoal de fisioterapia dos seus centros de referencia "sen ter que pasar polos médicos/as rehabilitadores e deste modo axilizaríase os tempos de espera na súa atención". As unidades de fisioterapia en atención primaria, subliñan, atenden maiormente patoloxías crónicas.

Reiteran que hai moitas localidades de Galiza nas que conviven un hospital con RHB e un centro de saúde na mesma vila que dispensa fisioterapia. "Porén, na nosa zona, o Sergas non fai nada para remediar a lista de agarda de até dous anos, e segue sen abrir unha quenda de fisioterapia pola tarde para baixa esta longa lista de espera".