• Nova

Concentración no DomusVi de Compostela en demanda da negociación do convenio de residencias

Denuncian á patronal por “usureira” e por lucrarse a costa do persoal e das dependentes
Nacional - 19 Mai 2021

Delegadas e delegados da CIG, CCOO e UGT concentrábanse esta mañá diante da residencia de maiores que DomusVi ten en Santiago de Compostela, na primeira das mobilizacións convocadas en demanda da negociación do convenio colectivo nun sector que viviu con especial dureza as consecuencias da pandemia.

Neste sentido Transi Fernández, secretaria nacional da CIG-Servizos, explicaba que as centrais sindicais se viron abocadas a iniciar as mobilizacións, por mor da actitude da patronal que “o único que están facendo desde o ano pasado é, cada día máis, atrasando a negociación para non ter que dar ningún incremento económico e, sobre todo, que non teña carácter retroactivo”.

Denunciou ademais que nin sequera chegou sequera a presentar unha proposta, e moito menos por escrito. “Todas son in voce para que non quede constancia e cada vez que valoramos algún punto da plataforma social eles inventan outro para que nunca se chegue a unha conclusión de nada. É atranco sobre atranco”.

Sector esencial para traballar pero non para cobrar

Transi Fernández lembrou que estamos falando dun sector que é considerado esencial para a sociedade, “mais non para as patronais”. Asegurou que para as organizacións sindicais é prioritario garantir para as traballadoras unhas condicións salariais e laborais dignas e adiantou que seguirán coas mobilizacións e mesmo pedirán o apoio de usuarias e usuarios. “Teñen que saber as condicións laborais que padecen as traballadoras e como se recortan as prestacións que reciben as persoas dependentes para que as empresas se enriquezan”.

A este respecto denunciou o incumprimento das ratios de persoal por número de persoas dependentes, unha situación que está moi controlada nos centros públicos nos que, co mesmo número de dependentes contan con até 15 traballadoras máis.

Xunto a isto chamou a atención sobre o feito de que a inmensa maioría das persoas ingresadas en residencias de maiores e persoas dependentes que finaron a consecuencia da covid estaban en centros privados e que só 5 dos falecementos se corresponden con centros públicos.

Atribuíu esta situación á falta de control por parte da consellaría de Política Social sobre as condicións nas que se traballa nestes centos e denunciou que, de feito, a Xunta de Galiza só conta con 7 inspectoras e inspectores para todo o país.

O convenio atinxe a preto de 10.000 persoas, na súa inmensa maioría mulleres e regula as condicións de Centros de Día, Centros de Coidados ou Residencias que son ben públicas de xestión privada, privadas con financiamento público ou completamente privadas.