O persoal das bibliotecas municipais da Coruña reclama solucións urxentes ante o atraso continuado no cobro das nóminas

A Coruña - 10 Nov 2022

As traballadoras e os traballadores das bibliotecas municipais da Coruña que xestiona LTM Servicios Bibliotecarios volvéronse concentrar este xoves diante do Concello para denunciar os atrasos que mes a mes sofren no cobro das súas nóminas, a incerteza xerada pola baixa dotación dos pregos e a falta de solucións definitivas por parte do Goberno local. Na concentración, o persoal das bibliotecas coincidiu coas traballadoras do SAF, que están en folga indefinida por un convenio digno.

A protesta realizouse coincidindo coa celebración do pleno municipal no que farán uso, outra vez, do escano cidadá para expor a situación precaria que padecen e demandar información concreta sobre os plans que ten o Concello para este persoal. O pasado mes, aprobouse en pleno a creación dunha comisión para avaliar o futuro deste servizo, mais a día de hoxe os problemas mantéñense iguais.

A presidenta do comité, Elisabeth Rodríguez (CIG), explica que a pesar dos compromisos do Goberno do PSOE "seguimos cobrando con atraso e na mesma situación: continúa no servizo a mesma empresa, non hai prego novo e non hai unha solución enriba da mesa clara, o único que nos din é que chegará en breve". Pero as 75 traballadoras e traballadores das bibliotecas levan meses agardando por esa actuación "inminente".

"Non sabemos nin que, nin como, nin cando. Pero as semanas pasan e cada vez a empresa ten máis dificultade para facer fronte aos pagos", subliña Rodríguez, quen teme volver á situación vivida o pasado xullo, cando o persoal iniciou unha folga polo impago dos seus soldos. "Estamos ás portas de decembro e en decembro hai unha paga extraordinaria", lembra Rodríguez, aludindo á situación insostíbel na que se atopa o servizo.

Modelo mixto de xestión

Nas bibliotecas municipais da Coruña convive un modelo de xestión mixta, polo que hai persoal contratado directamente pola administración local e persoal contratado a través da empresa concesionaria, LTM Servicios Biliotecarios. Aínda que ambos colectivos realizan as mesmas funcións e teñen as mesmas responsabilidades, as súas condicións salariais e laborais son moi diferentes.

As  empregadas e empregados que prestan servizos a través LTM leva anos arrastrando problemas no pago dos salarios e constantes ameazas de impagamento. Neste senso, denuncian que a súa precaria situación é consecuencia directa de privatizar a prestación dos servizos públicos, licitando ademais uns pregos precarios nos que o Concello non tivo para nada en conta as alegacións trasladadas polo comité, e de permitir a entrada de empresas piratas que concursan á baixa, sabedoras de que a dotación económica é insuficiente para facer fronte ás exixencia do servizo.