Medra o desemprego en Galiza, pero tan só entre as mulleres

A falta de datos de contratos fixos descontinuos agocha a precariedade no emprego
Nacional - 02 Mar 2022

Os datos do paro rexistrado en Galiza amosan unha evolución negativa. Así o considera o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, quen sinala que mentres no Estado español houbo unha pequena mellora, do 0,36%, en Galiza o paro aumentou un 0,37%. Deste xeito, o mes de febreiro rematou cun total de 154.509 persoas rexistradas no SEPE.

Para o secretario confederal de Emprego é ademais salientable que o desemprego se centrou nuns colectivos concretos: mulleres, sector servizos, menores de 30 anos e na provincia de Pontevedra.

O desemprego medrou só entre as mulleres, mentres que descendeu entre os homes e tamén aumentou entre menores de 30 anos un 9,43%. Centrouse no sector Servizos, onde se rexistraron 713 persoas desempregadas máis, aínda que no sector industrial non houbo apenas recuperación.

Sector Servizos

Todo o medre foi, ademais, na provincia de Pontevedra o que ten que ver, segundo o secretario confederal de Emprego, coa crise industrial, un sector que non se dá recuperado. Nese sentido denuncia que “esa aposta e esa perda de poder da Industria, en Pontevedra, e esa aposta por un sector tan precario como o de Servizos, que tampouco garante uns postos de traballo estables e dignos deixa un panorama preocupante nun sector que ademais ten unha forte presenza na provincia de Pontevedra”.

Sen datos dos contratos fixos discontinuos

Respecto da contratación, Sío apunta que no mes de febreiro xa se reflicte a aplicación da reforma laboral, porque houbo 6.000 contratos menos que no mes de xaneiro, porque houbo un descenso en todas as modalidades de contratación temporal. Aumentan os contratos ordinarios, de duración indefinida e os convertidos a indefinidos.

Porén denuncia que “non temos datos de contratación de cales son fixos discontinuos. Sabemos que no Estado esta modalidade aumentou nun 75,8% e que os contratos a tempo parcial incrementáronse nun 47%.

Francisco González Sío entende que esta contratación indefinida “tamén agocha precariedade polas incertas condicións, traballadoras e traballadores que aínda que son fixos van cobrar o paro porque van ter etapas de inactividade, que poden ser mesmo maiores que as etapas de actividade”.

Por iso conclúe que “o único que se está facendo coa reforma do goberno é agochar os datos de precariedade que hai no mercado galego e no do Estado español”. Fronte esta situación, segue demandando emprego estable, con salarios dignos. “Algo que non garanten os contratos fixos discontinuos con xornada parcial”.