O comité visibiliza a morte da planta de Lousame colocando cruces na autovía a Noia
O comité da planta de tratamento de residuos de Lousame continúa coas mobilizacións para esixir un plan que garanta o futuro da actividade e a estabilidade de todos os postos de traballo máis alá de 2023. Nesta ocasión, a representación do persoal fixo unha acción de protesta para visibilizar as súas demandas, que consistiu na colocación dunha faixa e numerosas cruces alusivas á morte da planta se non se achegan solucións, na beira da autovía a Noia que está sen rematar.
Dende o comité explican que tentaron conseguir permiso para levar adiante esta protesta sen obteren resposta, polo que "decidimos continuar adiante con esta mobilización pacífica e sen impacto no tránsito".
Tantas cruces como persoas dependen desta actividade
Deste xeito, hoxe, como inicio, colocáronse 22 cruces en representación do comité de empresa e a súa familia inmediata, pero a intención é que os preto de 170 traballadores e traballadoras directas, como tamén os postos de traballo das auxiliares poñan cadansúa cruz, así como dos e das familiares que dependen deles e delas. Na realidade, da actividade económica da planta dependen máis de 500 persoas. Polo tanto, instalaranse nos próximos días 500 cruces e faixas.
Non obstante, xa adiantaron que no caso de que non se lles permita continuar coa acción reivindicativa e se lles retire o material, "teremos que intensificar as medidas de presión, mesmo con cortes na circulación da autovía, coas consecuencias que isto supón". “Trátase dunha cuestión de liberdade de expresión. Nós queremos visibilizar o conflito e queremos facelo dun xeito compatíbel coa libre circulación e sen ocasionar molestias. Se iso non se nos permite, nunha estrada titularidade da Xunta, pode rematar converténdose nun problema de orde público, e dificultar durante meses e de forma continua o tránsito de vehículos ao Barbanza. Agardamos que non sexa necesario. Desde logo, a loita polos postos de traballo vai ser inevitábel".
Sen proxecto de futuro
Cómpre lembrar que a día de hoxe a mancomunidade carece dun plan que garanta a viabilidade da planta e o futuro dos empregos máis alá da finalización do contrato en 2023 coa actual xestora, FCC. E non só iso, senón que a propia empresa realizou unha proposta á mancomunidade coa que se pretende suprimir a quenda de noite en triaxe e reducir o persoal en recollida.
Estas medidas, explica o comité, terían un importante impacto no actual modelo de reciclaxe, que quedaría desvirtuado ao modificar o sistema de selección manual actual que foi o que permitiu situar a esta planta á cabeza de Europa en recuperación.
Previamente a ter coñecemento desta proposta, o comité trasladara aos Concellos da Mancomunidade un proxecto que garantiría a viabilidade da planta e dos empregos, contemplando os requirimentos establecidos pola UE en materia de xestión de residuos sólidos urbanos.
Porén, este proxecto non só non recibiu atención por parte da Mancomunidade, senón que mesmo nas reunións mantidas coa Consellaría de Medio Ambiente, a única resposta foi cuestionar a viabilidade das instalacións de Lousame e o seu modelo, por non cumprir cos requisitos nin da Xunta, nin do Ministerio. A Administración galega segue sen comprometerse a buscar solucións, nin establecer unha mesa de traballo con todas as partes implicadas para dar continuidade á planta.
Diante disto, e coa vista posta en 2023, a representación do persoal iniciou contactos institucionais, nomeadamente coa Deputación da Coruña, na procura dun proxecto que dea viabilidade á planta tras a finalización do actual contrato. De xeito paralelo, iniciáronse mobilizacións para trasladar á opinión pública a situación crítica das instalacións e implicar a cidadanía da mancomunidade na defensa da planta de Lousame e do seu modelo de reciclaxe.
Desde o comité avisan tamén que “levamos máis de dous meses á espera de falar co presidente da Deputación, e aínda non foi posíbel. Agardamos que unha vez rematados os procesos internos no PSdG, por fin teñan a ben recibir ao comité de empresa”. Se non é así, adiantan, tamén se actuará en consecuencia.