• Nova

O persoal da limpeza logra coa súa incansábel loita que a USC internalice a prestación deste servizo

Iniciaron esta batalla en 2017 ante os intentos de precarizar as condicións laborais
Santiago - 12 Xul 2021

A longa loita que o persoal do servizo da limpeza da USC estivo desenvolvendo dende o ano 2017 contra os intentos de precarizar este servizo, externalizado xa nos anos 80, está dando os seus froitos. A representación social e a representación da universidade veñen de asinar o acordo polo que se materializará a internalización do servizo en setembro próximo, tanto no campus de Santiago como no de Lugo, manténdolle a este colectivo amplamente feminizado as condicións que tiñan e cun compromiso de constituír unha mesa de negociación para abordar melloras laborais, salarais e na prestación do servizo.

O inicio deste conflito haino que buscar no ano 2017, cando a USC intentou dividir en lotes o contrato, o que supuña unha precarización do servizo e das condicións laborais, salariais e sociais pola imposibilidade de garantir o pleno cumprimento dos dereitos que o persoal tiña recoñecidos. Diante disto, as traballadoras, co apoio da CIG, acordaron iniciar mobilizacións esixindo o rescate da actividade e que pasara a prestarse directamente pola universidade.

En 2018, produciuse o cambio de equipa reitoral e malia amosar disposición cara á internalización da limpeza, o equipo técnico teimaba en sacar o concurso por lotes, polo que o persoal se viu na obriga de retomar as mobilizacións na defensa dos seus dereitos. A finais dese ano, conseguíase arrancar o compromiso da USC para a reversión do servizo ao público, que logo das consultas e trámites xurídicos correspondentes, se fará a través da Fundación da USC, á que as traballadoras se incorporarán como parte do cadro de persoal.

Resaltar que para cumprir este fin foi preciso abordar a  reformulación da mencionada Fundación modificándose os seus estatutos establecéndose como unha fundación 100% pública e conformándoa como “medio propio” da USC.

Aínda que nun principio estaba previsto que o rescate se efectivizara en setembro de 2020, a situación de pandemia demorou este proceso, que se materializará definitivamente co inicio do próximo curso.

Recuperar a xestión directa: garantía dos dereitos e aforro de custes

Este logro, do que agora até se parabeniza a institución educativa polo aforro que supón no pago do IVE e do beneficio empresarial privado que toda contrata busca tirar dos servizos externalizados, non sería posíbel sen a decisión das traballadoras a pelexar na defensa dos seus dereitos.

Pero tamén vén demostrar que a recuperación da xestión directa dos servizos é posíbel se hai vontade para levala adiante, e supón ademais unha redución de custe para as administracións públicas sen mermar as condicións laborais e salariais do persoal e garantindo a calidade e mellora do servizo prestado.  

Por todo isto, a CIG saúda moita positivamente esta decisión, que elimina intermediarios innecesarios, e sen deixar de recoñecer o avance e importancia que supón esta proceso, seguirá traballando para conseguir que o persoal adscrito a este servizo remate sendo persoal laboral da USC.