O persoal sanitario e das residencias rexeita o cheque-bar da Xunta de Feijóo

Considérano unha medida electoralista do PP e reclaman máis medios e seguridade laboral
Nacional - 23 Xun 2020

A CIG-Saúde e o sector de Autonómica da CIG-Administración veñen de amosar o seu rexeitamento público ao cheque-bar anunciado pola Xunta de Feijóo para supostamente reactivar o sector hostaleiro e premiar o persoal sanitario e das residencias que estivo na primeira liña de loita contra o coronavirus.

A representación dos traballadores/as considera que este bono de 250 euros que cada profesional pode gastar en bares, restaurantes e hoteis é “unha esmola” que fai parte da campaña electoral do PP. “O valor da sanidade pública e dos e das profesionais non se compra cun cheque-bar; non queremos esmolas; se quere axudar a hostalería non precisa utilizarnos a nós; busque outras medidas”, indican dende a CIG-Saúde. 

O valor das profesionais da sanidade pública non se compra con esmolas

Ao mesmo tempo, sinalan que o que realmente precisa o persoal sanitario son máscaras, luvas, batas e gafas de protección; uns ratios de persoal que permitan traballar dignamente e en condicións de seguridade; e salarios dignos os 365 días do ano.

“Parécenos unha falta de respecto e un insulto que bote man de cartos públicos para utilizar o persoal do Sergas en beneficio propio; gaste ese diñeiro en EPI e en persoal, e meta eses cheques-bar onde lle collan; os empregados/as da sanidade pública non formamos parte da súa campaña política”, rematan.

Uso partidista e electoral

Pola súa banda, dende o sector de Autonómica da CIG-Administración sinalan que os traballadores/as de Política Social “que loitamos na primeira liña contra esta pandemia non queremos aguinaldos e rexeitamos o uso partidista e electoral deste cheque-bar”.

Consideran que o único recoñecemento posible ao seu labor é a eliminación dos recortes de dereitos laborais perpetuados dende 2012 e o fortalecemento do sector público, para o que é necesario:

-Material de protección suficiente e de calidade para afrontar un novo rebrote ou realizar o traballo diario con seguridade. 

Esta cheque é unha falta de respecto intolerable e un insulto ao esforzo do persoal 

-A devolución dos descansos recortados do V Convenio Colectivo da Xunta e a racionalización das carteleiras de traballo.

-Máis medios materiais e persoais que baixen a excesiva carga e que permita un servizo público de calidade.

-Rematar xa coa cesión escandalosa de persoal empregado público ás residencias privadas

Finalmente, dende a CIG denuncian “esta falta de respecto intolerable e o insulto ao esforzo do persoal”, ao tempo que rexeitan a “inutilidade” de empregar cartos públicos nunha tarxeta moedeiro de Abanca. “É evidente o tufo electoral e de negocio de amigos/as aproveitándose do esforzo do seu persoal; O PP non ten escrúpulos, máis cando ten un conflito laboral co persoal das súas residencias; teñen que ter claro que a nós non se compra, e nas mobilizacións previstas para este xoves 25 de xuño continuaremos a reclamar os nosos dereitos con máis forza aínda”.