O sector de ambulancias maniféstase no SERGAS contra os despedimentos en Ambulancias do Atlántico
Persoal de sector de ambulancias manifestábase esta mañá polas rúas de Compostela, desde o SERGAS até a sede de Ambulancias do Atlántico, para reclamar a readmisión dos cinco traballadores despedidos, un na área sanitaria de Santiago e catro na área sanitaria de Vigo, sen que a empresa aducira motiva algún. Xunto a isto denunciaron que a empresa deixou, o pasado xoves, día 17 de xaneiro, unha ambulancia -que presta servizo na Área Sanitaria de Santiago, xa de por si infradotada de medios de transporte sanitario- inoperativa durante horas por falta de persoal. Unha situación que se repetiu hoxe, co coñecemento do 061.
No decurso da manifestación, o representante da CIG de Compostela, Nacho Pavón, cualificou como “caprichosos” os despedimentos destes traballadores que entende que, como a propia empresa manifesta, teñen orixes diferentes, mais que no caso de Santiago responde a un conflito na propia UTE “que nada ten que ver co persoal”.
Lembrou que dentro da UTE non todas as empresas están moi conformes co reparto que fixeron entre elas, así que “para protestar contra a Xerencia da UTE por este reparto, fan isto, pero é inadmisible que collan de reféns aos traballadores e traballadoras poñendo na rúa a un emprego que era indefinido desde o ano 2018, para resolver unha cuestión en todo caso interna das empresas”.
Por iso o representante da CIG clamou contra o trato que está a recibir o persoal e afirmou que “non somos conta de resultados. Estamos nun servizo público no que non é aceptable que se faga isto e que, aínda por riba, o SERGAS o permita”.
Ambulancia novamente operativa
A semana pasada a FGAMT-CIG de Compostela denunciaba que a empresa deixara unha ambulancia inoperativa durante horas, porque non se cubrira a un traballador que a empresa sabía desde o día anterior que lle deran unha baixa laboral. Hoxe, Pavón denunciaba que se repetía a situación. “Desde onte a empresa informa que non a vai cubrir e hoxe pola mañá, efectivamente a ambulancia está inoperativa. Dáse ademais a circunstancia de que o traballador despedido en Santiago era un dos correturnos que se encargaba de cubrir estas eventualidades”
Entende que o 061 non debería de consentilo porque “este é un servizo que traballa 365 días ao ano, 24 horas no que ten que estar sempre operativa unha ambulancia e ten que ser un motivo moi xustificado, porque senón as empresas deberían ter penalizacións por non cubrilo”.
Servizo de técnico de emerxencias sen contrato
Xunto a isto denunciou que o traballador que prestou servizo na anterior ocasión, fíxoo sen contrato, é dicir, que “Ambulancias do Atlántico tivo nunha ambulancia do 061 a unha persoa sen contrato facendo funcións de técnico de emerxencias, o que é un absoluto escándalo”. Por iso considerou que “alguén terá que responder por esa situación” e denunciou que “uns estanse tapando a outros: a UTE está tapando a empresa e o SERGAS e a patronal están tapando a UTE e máis a empresa e aquí quen paga son, como sempre, as traballadoras e traballadores”.
Pavón lembrou que nas áreas sanitarias de Vigo e Santiago teñen unha serie de acordos que regulan as condicións de traballo desde antes mesmo de se saber quen eran os licitadores que gañaron e que eses acordos non se están cumprindo. “Implicaban tacitamente que non podería haber este tipo de despedimentos, nin movemento nos Cadros de persoal xa que a estabilidade e os contratos indefinidos serían a norma en todas as empresas”.
Nese sentido explicou que con esta empresa en particular mantiñan unha reunión periódica para tratar cuestións relativas ao funcionamento das bases. Por iso a súa indignación é maior. “Que non se nos informara previamente que había esta situación na UTE, considerámolo non só unha falta de respecto, senón mesmo unha traizón. E que despediran a un traballador para resolver os seus asuntos internos na UTE considerámolo sindicalmente, unha falta de respecto porque racha coa confianza que puideramos ter no cumprimento dos acordos por parte destas empresas”.
Incremento da dotación económica para as empresas
O representante da CIG lembrou que ás empresas, logo da negociación do concurso e do acordo do convenio colectivo, se lles aumentou considerablemente a asignación económica nos pregos de condicións. “En concreto nesta área sanitaria foi máis dun 60%”. Por iso considera que “non é aceptable que as empresas agora volvan ás mesmas. Se non lles dá que fixeran as contas antes e, en todo caso, primeiro deberían sentarse a falar para ver se había ou non había solución e non tomar unilateralmente a decisión de realizar estes despedimentos en Vigo e Santiago. Con isto o que fan é unicamente poñer outra vez a todo o sector en pé de guerra ás portas, ademais, da negociación dun convenio colectivo que caduca este ano”.
Os representantes da CIG, anunciaron ao remate da manifestación que haberá máis mobilizacións e mesmo que non descartan recorrer á folga como medida de presión.