Tras anos sufrindo atrasos e impago de salarios, a loita das traballadoras de Limpintegra dá o seus froitos

O persoal puido cobrar as nóminas e conseguiu a subrogación
Ferrol - 20 Abr 2017

As traballadoras de Limpintegra (encargada dos servizos de limpeza dos supermercados Froiz) asinarán este mesmo venres a subrogación cunha nova empresa. Deste xeito, esperan poder pór fin á situación dramática que levan vivindo dende o ano 2014, cando a empresa (ademais doutras irregularidades) comezou a pagar con atraso e de xeito reiterado os salarios, até que este ano, as demoras se converteron en impago.

Para este venres, estaba prevista unha concentración diante diante do supermercado Froiz da rúa San Amaro de Ferrol, que ficou anulada, logo das traballadoras lograr a subrogación e que se lle abonaran os salarios pendentes.

Sanción da Inspección

Estes atrasos, explican dende a CIG-Servizos de Ferrol, xa foran denunciados pola central sindical diante Inspección de Traballo dende o primeiro momento, quen actuou sancionando a empresa. Pero esta sanción non provocou un cambio de actitude en Limpintegra, xa que as demoras no pago continuáronse a producir até o presente ano, no que os atrasos xa se converteron en impago.

"Durante todo este tempo, cada vez que se producía o atraso no pago dos salarios (é dicir, todos os meses) as traballadoras intentaban poñerse en contacto coa oficina, onde normalmente non lles contestaban ao teléfono, mais coa coordinadora, que o único que sabía responder era 'non o sei' ou darlles malas contestacións. Isto levounas a ter problemas co banco, e ter que facer fronte ao pago duns intereses de 90€ ou máis cada mes, por quedarlles as contas ao descuberto por culpa dunha empresa pirata, e iso despois de realizar un bo e duro traballo", describe Rocío Doce, Secretaria de Organización da CIG-Servizos de Ferrol.

"Valentes compañeiras"

Pero este pesadelo está a piques de rematar, "grazas a que estas valentes compañeiras perderon o medo ao patrón, organizáronse  e confiaron en nós", subliña. Así, despois das xestións realizadas pola CIG-Servizos, a maioría das traballadoras xa cobraron a débeda salarial e asinarán a  subrogación cunha nova empresa o venres 21, para comezar a traballar con ela o próximo día 1 de maio. Tamén serán subrogadas as traballadoras de Coruña, Lugo, Madrid e Valladolid.

Porén, engaden dende a CIG-Servizos, as traballadoras de Limpintegra de Valladolid aínda teñen pendentes de cobrar tres meses de salarios. "Estas compañeiras se puxeron en contacto coa CIG xa foron informadas dos pasos a seguir. Querémoslle trasladar tamén todo o noso ánimo e o noso apoio desde aquí que conten con nós no que as poidamos axudar".