Continúan as mobilizacións en Transportes Duco S.L.

A empresa segue sen ofrecer nada novo e o persoal aínda está pendente de poder cobrar o paro

Compostela -

Nos últimos días continuaron as mobilizacións de traballadores e traballadoras de Transportes Duco no centro de traballo de Santiago no Polígono do Tambre. Concentracións diante da nave, marchas e manifestacións polo polígono e peche nas instalacións de Stock 3.

(Galería de imaxes)

Stock 3 é unha sociedade creada por Transportes Duco e que forma un grupo con esta, polo que debía estar incluída na negociación do ERE, dado que esta empresa conta con activos para facer fronte ás indemnizacións dos traballadores/as.

Nesta empresa, ademais séguese a manter a actividade, que antes realizaban traballadores/as de Duco S.L e que neste momento está facendo o seu traballo persoal doutra empresa allea xunto con directivos de Transportes Duco.

Este mércores celebrouse unha nova reunión do ERE na que por parte da empresa non se aportou nada novo e onde nada se dixo de pagar as débedas pendentes en concepto de salarios e dietas.

Diante desta situación o persoal ten decidido continuar a mobilizarse para presionar aos responsábeis da empresa que neste intre están buscando unha saída para eles deixando tirado a todo o cadro de persoal.