A FGAMT-CIG denuncia o recorte de cinco ambulancias do 061 en Baiona, Ponteareas, Marín, Vigo e A Mariña

Vigo quedará con dúas ambulancias medicalizadas e dúas asistencias, malia a súa poboación, fronte á Coruña que mantén 2 medicalizadas e 3 asistenciais

Compostela -

A FGAMT-CIG vén de denunciar o recorte de cinco ambulancias do 061, que son as que se encargan de atender as urxencias, os accidentes, infartos... en toda Galiza. Recortes que afectarán a Baiona, Ponteareas, Marín, Vigo e a Mariña lucense. Xabier Aboi, da FGAMT-CIG denuncia que esta decisión é consecuencia dos recortes anunciados pola Xunta de Galiza e plasmados no Decreto de Transporte Sanitario, que xa fora denunciado hai un ano, cando aínda estaba en fase de borrador. Uns recortes que non teñen xustificación e que terán "graves consecuencias" para a calidade e cantidade dos servizos públicos prestados polas ambulancias no noso país.

Aboi advirte que, segundo a información á que tivo acceso a CIG, estes recortes son os primeiros que se realizan pero están previstos máis para final de ano, tal e como foi comunicado á patronal.

O representante da FGAMT-CIG alerta tamén do que supón para Vigo, unha das cidades máis poboadas de Galiza, eliminar unha ambulancia asistencial -que entrara en funcionamento hai apenas 6 meses- deixándoa só con 2 medicalizadas e 2 asistenciais. Fronte a isto, sinala que A Coruña, cunha poboación semellante, mantén as 2 ambulancias medicalizadas e 3 asistenciais.

Aboi asegura que estes recortes son “inxustificados” e que “é máis custoso para as arcas públicas a ambulancia que se asigna a Sanxenxo durante o verán para atender aos turistas que manter durante todo o ano as demais”.

Previsións do Decreto

O decreto de transporte sanitario prevé, tal e como se denunciou cando foi presentado como borrador, a eliminación da presenza do/a técnico-axudante nas ambulancias medicalizadas, a creación de ambulancias sanitarias, a supresión do uso universalizado destes vehículos e a eliminación da obrigatoriedade de pago, por parte do Sergas, o que, segundo se advertía, abre a porta ao sistema do copago.

Este decreto responde, segundo a FGAMT-CIG, á política de desmantelamento dos servizos públicos que está a levar o goberno do PP adiante, sob pretexto da crise.

Diante desta situación, a CIG convocará para o vindeiro mércores unha xuntanza cos seus delegados/as para avaliar a situación e as consecuencias que terán, tanto esta decisión, como o anuncio de próximos recortes e contactará co resto de organizacións sindicais para iniciar mobilizacións. “Non vale negociar porque o recorte xa está en marcha”, sentenza Aboi.