A terceira xornada de folga nas ambulancias remata coa patronal instalada no inmobilismo

O persoal retomará os paros, con carácter indefinido, a partir do 19 de novembro, se non se producen avances

A Coruña -

Os traballadores e traballadoras das ambulancias do 061 desenvolveron este venres a última das tres xornadas de folga convocadas para esta semana e, aínda que a patronal mantén o seu inmobilismo, dende a FGAMT-CIG fíxose un balance moi positivo da resposta dada polo conxunto do sector, superando mesmo as expectativas das organizacións sindicais.

A este respecto, dende o sector de Transportes da CIG subliñaron o forte impacto desta folga, e mesmo resaltaron o feito de que aqueles traballadores/as que estaban de servizos mínimos ían identificados con autocolantes para amosar o seu apoio ao paro.

Pola súa banda, a patronal mantense na súa posición inmobilista, mentres dende as organizacións sindicais recordaron que a folga se convocou co único obxectivo de que o empresariado se comprometa a manter a vixencia do convenio colectivo galego até decembro de 2014 para nese período negociar un novo marco regulador coa garantía de que nin as condicións laborais nin as salariais se verán rebaixadas. “Asumimos pasar estes dous anos coas condicións salariais de 2010, pero tendo a garantías de que non vai desaparecer o convenio galego”, matizaba Ernesto López Rei.

Dende a FGAMT-CIG reiterouse que os traballadores/as están dispostos a loitar e non teñen intención de volver ás condicións laborais que había no ano 2000. Deste xeito, de non darse un paso por parte da patronal, o vindeiro 19 de decembro o persoal retomará a folga, pero cun carácter indefinido.

No día de hoxe, os traballadores/as levaron polas rúas de vilas e cidades as súas reivindicacións, con concentracións nos centros de saúde e hospitais, caravanas de vehículos ou reparto de folletos informativos entre a cidadanía.

Seguimento maioritario na segunda xornada de folga mentres as ambulancias continúan facendo base nos cuarteis

A administración ordena o “acuartelamento” das ambulancias do 061 durante a primeira xornada de folga no sector