Traballadores/as das ambulancias percorren o centro de Vigo en caravana para rexeitar o decreto do transporte

A protesta, que causou retencións, foi interrompida tras multar a Policía Local a media ducia de vehículos dos 20 participantes

Vigo -

 

Os traballadores/as do sector das ambulancias continuaron hoxe coas súas protestas para denunciar que o novo decreto do transporte afectará á calidade do servizo, ademais dos custes laborais que suporá a súa entrada en vigor. A mobilización consistiu nunha caravana de coches que percorreu o centro de Vigo até que a Policía Local multou a media ducia deles por facer soar as súas bucinas e ameazou con estender as sancións aos máis de 20 vehículos participantes no caso de que non disolvesen a protesta.

A marcha partiu do aparcamento da tenda deportiva Decathlon, nas proximidades do hospital Meixoeiro, arredor das 11 da mañá para a continuación percorrer a Avenida de Madrid, Praza de España e Gran Vía. Foi á altura do Concello cando os axentes interceptaron aos vehículos para sancionar aos seus propietarios. Diante das ameazas de seguir coas multas se non disolvían a caravana, os empregados/as das ambulancias optaron por abandonar unha protesta que mañá terá continuidade polas rúas da Coruña. Deste xeito, non puideron rematar o acto na delegación provincial do Sergas na cidade olívica tal e como estaba previsto.

A reivindicación causou algunhas retencións nalgunhas rúas do centro. Todos os vehículos participantes fixeron soar o claxon e portaban carteis sinalando responsabilidade da Consellería de Sanidade no conflito e denunciando que o decreto aumentará a precariedade laboral.

Neste senso, critican que o documento incorpora a posibilidade de suprimir a figura do axudante nas ambulancias medicalizadas, o que repercutirá negativamente na calidade do servizo e suporá a supresión de moitos postos de traballo. O texto tamén suprime as UVIS móbiles dos hospitais e establece o peche nocturno das bases do 061 en determinadas poboacións, en concreto naquelas con menor número de incidencias que as grandes cidades, mentres que na actualidade este servizo préstase ininterrompidamente 24 horas aos día 365 días ao ano.

Finalmente, a protesta tamén ten por obxecto rexeitar a redución de salarios pretendida pola patronal, que xa manifestou a súa intención de facelo nun 10%.