O persoal das ambulancias do 061 encara o oitavo día de folga cunha patronal instalada no inmobilismo

O sector de Transportes da CIG critica a falta de vontade das empresas para manter unha vía de diálogo e o total desinterese da administración galega

A Coruña -

Traballadores e traballadoras do transporte sanitario urxente desenvolven este xoves a oitava xornada de folga no sector en demanda dun compromiso da patronal para manter a vixencia do actual convenio colectivo até finais do ano 2014, mentres se negociar o novo marco normativo.

O responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, destacou o maioritario seguimento que están a ter as xornadas de paro, a pesar de que esta xoves se cumpre xa o oitavo día de folga. Cómpre lembrar que o pasado mes de decembro, o persoal xa tivo cinco xornadas de paros e dende o 10 de xaneiro, a folga realízase cada xoves e venres con carácter indefinido.

Pastoriza criticou que a pesar do éxito da medida de presión, a patronal está instalada nun inmobilismo absoluto e non mantén ningunha vía de contacto coa representación sindical. “A patronal presentou a súa proposta e díxonos que ou a aceptábamos ou non había máis negociación. Así que teremos que seguir coas mobilizacións”, advirte.

Do mesmo xeito, o responsábel de Transportes da CIG critica o desinterese do Sergas por buscar unha solución ao conflito, inhibíndose no seu papel de mediador “como vén sendo habitual e mesmo consideramos que está apoiando claramente a parte empresarial”. 

Reclamación da vixencia do convenio

Dende a parte social, subliñou Pastoriza, con esta medida de presión só se pretende que a patronal asuma a vixencia do actual convenio até decembro de 2014, co obxectivo de negociar neste período o novo marco regulador, xa que a regresiva reforma laboral do PP limitou a ultraactividade a un ano. No caso do convenio galego (cuxo texto é do ano 2010) a vixencia rematará en xullo de 2013. 

Os traballadores/as entenden que as intencións do empresariado pasan por deixar desaparecer o convenio galego e aplicar o estatal, cunhas condicións salariais e laborais moi inferiores. “Aplicar o convenio estatal significa entre 300 e 400 euros menos ao mes para cada traballador/a e a supresión doutras melloras sociais”. “O que estamos reclamando é que a mesa de negociación continúe, que se lle dea unha ultraactividade até o 31de decembro de 2014, de tal xeito que mentres se negocia un convenio novo o persoal teña a tranquilidade de que nestes dous anos non se lle van mudar as condicións de traballo”, informou.

Do mesmo xeito, dende o sector de Transportes da CIG advertiuse que coa aplicación desta  rebaixa das condicións laborais, a patronal estaríalle a facer “o traballo sucio” á Xunta e a administración central, “porque poderían impor os recortes no servizo de ambulancias sen custe para as empresas e a administración, xa que todo o custe recaería nos traballadores/as”.