• galizacig

O INSS dá de alta a un enfermo cunha intoxicación crónica por mercurio

O afectado denuncia que a Inspectora se negou a revisar todo o seu expediente e baseou o seu informe nun único documento aleatorio

A Coruña -

1.230 pastillas, 240 inhalacións, 15 inxectábeis, 4 ampolas bebíbeis, 90 ampolas oculares e 60 aplicacións tópicas. Esta é a listaxe de medicamentos que Pablo Sánchez Pena ten que tomar cada mes, debido a que sufre unha intoxicación crónica por mercurio. Xunto a isto, un extenso historial médico en practicamente todas as especialidades derivado do envelenamento que padece. Porén o INSS vén de revocar a incapacidade permanente absoluta que tiña recoñecida dende hai catro anos, ao considerar que tivo unha melloría na súa enfermidade.

A intoxicación por mercurio que padece Sánchez Pena está diagnosticada nos informes emitidos por todos os organismos e hospitais nos que é tratado, pero agora o INSS considera que “está perfectamente para traballar. Este é o peor ataque que vin contra un ser humano por parte de quen asina esta resolución. A unha persoa que padece todo este sufrimento médico, aínda por riba déixana sen o mínimo de supervivencia que supuña ter unha pensión de invalidez”. “Estannos levando 20 anos atrás no marco lexislativo mais tamén no grao de deshumanización do sistema”.

Con estas palabras iniciaba Ernesto López Rei, Técnico de Prevención da CIG, a rolda de prensa ofrecida esta mañá pola central sindical para denunciar publicamente a situación de absoluto desamparo na que se atopa Pablo Sánchez, presente tamén na comparecencia, logo de que a Seguridade Social resolverse retirarlle a pensión de incapacidade permanente.

Recurso administrativo

Sánchez criticou a actitude da Inspectora do INSS que elaborou o informe, posto que “o único que fixo foi dicirme que tiña un historial moi amplo e que non estaba disposta a revisalo todo”. “Así que colleu o primeiro documento que lle veu á man e propuxo a alta por unha inexistente melloría, cando en todos os informes médicos das distintas especialidades recoñécese que sufro un empeoramento progresivo”, sinalou.

Neste momento, está pendente de presentar o recurso administrativo contra a resolución do INSS, e no caso de que a Administración non revoque esta inxusta decisión “teremos que acudir ao Xulgado do Social”.

O afectado explicou que tamén ten intención de enviar escrito ao INSS contra a actuación desta Inspectora e está valorando, cos servizos xurídicos da CIG, a posibilidade mesmo de presentar demanda polo penal a causa dos danos xerados. “Falando con outras persoas que ela atendeu, comentaron que a súa actitude é sempre a mesma, a de frivolizar cos/as doentes, de facerlles sentir mal. Incluso me preguntou de forma irónica se a invalidez ma dera o INSS ou o xulgado, porque se ma concedera o INSS era máis fácil quitarma”, denunciou.

A este respecto, López Rei insistiu que “non se descarta interpor algún tipo de querela contra a persoa que asinou este informe. A vida diaria de Pablo é estar enganchado aos fármacos e ás visitas médicas, e dinlle que pode volver traballar. Isto é un despropósito”.

40 patoloxías diferentes

Como telón de fondo, ducias de caixas cos todas as medicinas que ten que tomar Pablo a diario para sobrelevar as súas múltiples doenzas, ensinando o aparato que lle acaban de pór para poder mover o brazo esquerdo e interrompendo a súa intervención ao recibir unha chamada dun hospital. “Seguramente para lembrarme que mañá teño cita, porque por culpa do mercurio padezo perdas de memoria”, explicou.

Pero non é a perda de memoria á única consecuencia derivada do envelenamento por mercurio, xa que isto provoca unha dexeneración en todos os tecidos brandos, destruíndoos aos poucos, ocasionando graves limitacións para o desenvolvemento das súas actividades básicas diarias. Outro dato: dende que hai seis anos se produciu a intoxicación, Pablo realizou preto de 800 visitas médicas.

“Ao principio apareceron síntomas na nariz, nos ouvidos, no ril, na vesícula, etc.  É como se os órganos podreceran e a nivel cerebral van acumulándose os depósitos de mercurio. Unha vez que pasa á fase aguda, o mercurio non sae en sangue, senón que queda neses depósitos e no resto do corpo. Aí é cando ataca os tecidos e me deixa sen fala, sen poder andar, e teño que estar tres, catro ou cinco días na cama”, relatou.

Pablo ten arredor de 40 patoloxías diferentes e cada ano a súa saúde empeora. “A vida é un 75% na cama, sen posibilidades de moverme moitas veces pola rixidez, o lado esquerdo téñoo insensíbel. Sufro unha dexeneración crónica até que acabe con todos os órganos. Por exemplo, en tres anos, un xeonllo que comezou c unha inflamación agora está completamente desfeito”. 

Intoxicación polo mercurio dos rótulos fluorescentes

A súa doenza, segundo o propio Sánchez Pena explicou, non foi producida por amalgamas, senón que veu derivada do seu traballo como Técnico de Prevención nunha empresa que se dedica á fabricación de rótulos fluorescentes que conteñen mercurio.

Ao contacto coa corrente prodúcese o vapor de mercurio. “Na zona onde se fabrican os paneis acumúlase unha gran cantidade de po de mercurio e de vapor. Este foi o xeito como me intoxiquei”, asegurou.

Pablo estivo dous anos de baixa, tras dos cales o Sergas pasou o seu expediente ao INSS, recoñecéndolle unha invalidez total, primeiro, e absoluta despois. “Levo catro anos coa invalidez e agora sen máis a Inspectora que me veu dime que teño moitísimos documentos, colle un ao azar, e  asegura que estou mellor”, concluíu.