CIG-Saúde da Coruña presenta a candidatura para as eleccións sindicais que o vindeiro 5 de maio se celebrarán no Sergas

Destaca a importancia deste proceso nun momento de grave recorte de dereitos laborais e ataques á sanidade pública

A Coruña -

A CIG-Saúde da Coruña deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa a candidatura e o programa que vai presentar ás eleccións sindicais na área sanitaria, que se celebrarán o vindeiro 5 de maio. Eleccións que, lembraron, se realizan nun momento de grave recesión dos dereitos da clase traballadora e diante da progresiva aplicación de políticas de privatización da sanidade pública, que merman a capacidade asistencial e ameazan a viabilidade e supervivencia do sistema sanitario.

María Jesús Seijo García (enfermeira na Unidade de Coidados Paliativos e Continuos do CHUAC), Rafael Rodríguez Méndez (celador de Urxencias do CHUAC), Ana Lestón Gallardo (enfermeira no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee) e Ramón Veras Castro (médico de Familia do Centro de Saúde San Xosé), as/os catro primeiros membros da lista, foron as persoas encargadas de dar a coñecer a candidatura e o programa coa que a CIG-Saúde se presenta ás vindeiras eleccións sindicais no Sergas.

A cabeza de lista, María Seijo, destacou a importancia que ten este proceso electoral tanto para o persoal do Sergas como para o conxunto da cidadanía, pois nesta situación de recorte de dereitos e ameazas á sanidade pública, “é máis necesaria ca nunca a presenza sindical da CIG, que ten amosado con claridade e contundencia o seu compromiso coa sanidade pública e que non dubida á hora de defender os dereitos dos/as traballadores/as nin de denunciar e combater a política sanitaria que o PP e os seus responsábeis sanitarios están a practicar”.

A ameaza da iniciativa privada

Neste senso, Ramón Veras apuntou que a introdución da iniciativa privada na sanidade pública “é a ameaza máis seria para a viabilidade económica e financeira do sistema sanitario”. Este modelo de financiamento e xestión privada xa está implantado en Madrid ou Valencia, autonomías onde amosou ser un rotundo fracaso, e no caso galego, o goberno do PP vén de aplicalo no futuro novo hospital de Vigo e agora tamén nos centros de saúde.

Así, explicou, o pasado 7 de abril saía publicado no Diario Europeo a licitación para 18 centros de saúde en todo o País (tres na comarca da Coruña: Arteixo, Culleredo e Cambre) cun orzamento total de 233 millóns de euros. Non obstante, o proxecto inicial, con xestión e financiamento público, contemplaba a construción de 22 centros de saúde por un valor de 32 millóns de euros (Memoria Económica dos Orzamentos 2010). “Este sobreprezo suporá non ter orzamentos para outras cuestións como os servizos ou o persoal”, matizou.

“O voto nestas eleccións é un voto crucial para o futuro do sistema sanitario, porque dependendo da representación sindical haberá unha implicación máis ou menos activa nas plataformas e iniciativas que queren pór freo ás iniciativas privatizadoras”, apuntou Veras. A este respecto, lembrou que dende hai dous anos, a CIG-Saúde, a diferenza doutras organizacións como Satse, CESM, Omega ou CSIF, vén participando e/ou liderando as mobilizacións e plataformas que por toda Galiza se teñen realizado en defensa da sanidade pública.

Sobre este punto, criticou a pouca repercusión mediática que tiveron as multitudinarias manifestacións e protestas desenvolvidas en Galiza nestes anos fronte á difusión que nestes días están recibindo as mobilizacións realizadas en Cataluña.

Recortes na área sanitaria da Coruña

Mentres María Seijo denunciou que, alén da privatización de servizos (non sanitarios e de asistencia sanitaria) e a diminución brutal de investimentos públicos, o goberno do PP adoptou unha serie de decisións que para a área sanitaria da Coruña supoñen unha redución da capacidade asistencial e unha saturación do sistema.

Así referiuse á suspensión do Plan de Mellora, que contemplaba a incorporación de máis persoal; a paralización do Plan Director, cuxa consecuencia máis visíbel atópase no continuado colapso do servizo de Urxencias; ou a redución dos cadros de persoal en moitos servizos, existindo mesmo a pretensión de eliminar tres enfermeiras no Servizos de Dixestivo, no que se atenden os transplantes de hepáticos e no que os/as doentes requiren unha especial atención.

Así mesmo, censurou as “prácticas perversas, cando non ilexítimas”, na contratación do persoal que conducen “á absoluta inestabilidade dos/as profesionais e á precariedade asistencial dos servizos e unidades de hospitais, centros de saúde, 061, etc”.

Incorporación do persoal do Hospital de Cee

Pola súa banda, Ana Lestón, que explicou que o persoal do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee participará por primeira vez neste proceso logo de que a Fundación se integrase no Sergas, subliñou que a CIG continuará loitando para que o hospital acade o nivel do resto dos hospitais comarcais do País. Para isto, sinalou, a central sindical seguirá reivindicando a creación da categoría de celador/a (función que agora desempeñan as/os auxiliares de enfermería e as/os enfermeiras/os) e a dotación para o centro de todo o persoal necesario.

Rafael Domínguez lamentou as agresións ás condicións laborais (con novos atrancos para efectivizar os dereitos laborais) e salariais que dende o goberno galego e o español se teñen aplicado contra os traballadores/as do Sergas, o primeiro a través da suspensións dos acordos retributivos e o segundo mediante a rebaixa salarial do 5% e de parte das pagas extraordinarias. Decisións todas contra das que a CIG-Saúde se ten mobilizado.