“A única formación do persoal de ambulancias para afrontar un caso de ébola é un folleto con evidentes contradicións”

As organizacións sindicais reclaman do 061 e das empresas información, equipos de protección e formación práctica adecuada

A Coruña -

As organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT denunciaron este luns a falta de información e formación práctica entre os traballadores e traballadoras do transporte sanitario urxente de Galiza para poder afrontar a un posíbel caso de ébola en condicións de seguridade.

Representantes das tres centrais sindicais compareceron en rolda de prensa para reclamar da Fundación 061, do SERGAS e das empresas de ambulancias que dean protección eficaz e acheguen o adestramento necesario os/as traballadores/as para garantir a súa seguridade á hora de atender un posíbel caso de infección por ébola.

Até agora, explicaron, a única información que recibiron os/as técnicos das ambulancias sobre como manexar un caso deste tipo, foi un protocolo distribuído a través do correo electrónico, que máis parece “un panfleto” e “que mesmo ten contradicións entre a descrición do texto e a descrición gráfica no referido á retirada dos equipos de protección”.

“Parécenos un insulto aos/as traballadores/as, porque non se contemplan os riscos que corren. A administración non lle parece preocupar a seguridade deste persoal”, censuraron na comparecencia, ao tempo que lanzaron un chamado ao director da Fundación 061 para que explique ao colectivo todos os detalles do dispositivo.

Ernesto López Rei, da FGAMT-CIG, denunciou a improvisación da administración sanitaria e instou ao persoal a que –de activarse o protocolo- se negue a realizar os traslados mentres non reciban os equipos e a formación práctica adecuada. Unha formación, reiterou, que ten que ser impartida por persoal especializado na materia.

A este respecto, apuntaron que, segundo o recollido no folleto, tan só o persoal das ambulancias medicalizadas recibirá formación para atender posíbeis casos de ébola. Dende as organizacións sindicais, dada a configuración da rede de transporte sanitario urxente e as características das bases no noso país, deféndese a necesidade de formar axeitadamente ao conxunto dos traballadores e traballadoras deste servizo para minimizar os riscos.

Nesta liña tamén criticaron que non estea previsto dotar cos traxes de protección os/as condutores das ambulancias, xa que a administración entende que non van entrar en contacto cos/as doentes infectados/as. Unha afirmación que dende a representación sindical poñen en cuestión.

As organizacións sindicais tampouco descartan levar esta ausencia de formación á Fiscalía, polo risco que supón para os traballadores e as traballadoras das ambulancias.