Continúa, pola comarca de Ferrol, a caravana de vehículos en contra do novo decreto que regulará o transporte sanitario

Uns 20 vehículos marchan pola cidade e os concellos de Pontedeume, As Pontes e Narón advertindo da privatización encuberta do servizo de ambulancias

A Coruña -

As caravanas de vehículos polas cidades e vilas que estes días a CIG, UGT e CCOO están a desenvolver para alertar á cidadanía sobre os recortes no servizo de ambulancias que, de aprobarse, traerá o novo texto do decreto que regula o transporte sanitario trasladouse na mañá do luns até Ferrol. Alí, uns 20 vehículos participaron nunha marcha pola comarca na defensa deste servizo público esencial e que debería continuar a ser universal.

Por volta das 10:30 horas uns 20 vehículos partían de diante do local sindical da CIG en Ferrol para levar a súa mensaxe contra o borrador do novo decreto do transporte sanitario, xa que consolidará o recorte nos servizos prestado polas ambulancias, suporá unha considerábel perda de empregos no sector e abre o camiño para a implantación dos sistemas de copago. A marcha chegou ás portas do Hospital Arquitecto Marcide, onde fixo unha parada para advertir aos usuarios e usuarias do centro de que, baixo a escusa da crise económica, a Xunta busca unha privatización encuberta do servizo.

A modificación do decreto, subliñaba o Secretario Comarcal da FGAMT-CIG de Ferrol, Alexandre Romero, suporá a eliminación da universalidade do transporte sanitario, ademais de suprimir o servizo do 061 polas noites nas vilas pequenas, eliminar a figura do técnico axudante (destruíndo así postos de traballo) ou anular os servizos interhospitalarios, as altas de doentes, programados, etc. “O servizo de transporte sanitario é un servizo básico e polo tanto ten que ser universal e gratuíto”, aseverou Romero durante a protesta.

Logo de pasar polo Arquitecto Marcide, a caravana continuou o seu camiño cara Fene, Pontedeume, As Pontes e Narón, concellos nos que tamén se realizaron paradas informativas diante dos respectivos centros de saúde. Tres horas despois, a marcha concluída novamente na cidade de Ferrol.

Desconvocatoria da xornada de folga

As centrais sindicais CIG, UGT e CCOO veñen de informar da desconvocatoria da xornada de folga prevista para mañá, mércores 22 de decembro, no sector das ambulancias de Galiza. A suspensión da medida de presión chega logo de constatarse que todas as empresas, agás Emersan Galicia, abandonaron a súa intención de proceder a unha rebaixa salarial e xa abonaron a paga extraordinaria do mes de decembro.
Polo tanto, ao cumprirse o obxectivo da folga carece de sentido manter a convocatoria da mesma.

Non obstante, os sindicatos advertiron que as mobilizacións contra o borrador do novo decreto continuarán adiante nas vindeiras semanas e non se descarta a convocatoria dunha folga xeral no sector.