Os traballadores/as de ambulancias acordan suspender a folga indefinida e convocar paros intermitentes os xoves e venres

A medida de presión aplicarase a partir do 10 de xaneiro, á espera de que a patronal volva á mesa de negociacións

A Coruña -

Os traballadores e traballadoras das ambulancias do 061 acordaron nas asembleas celebradas o xoves pola tarde, desconvocar a folga indefinida iniciada o mércores 19 de decembro e mudar as accións de protesta por unha folga indefinida intermitente todos os xoves e venres, a partir do 10 de xaneiro.

A FGAMT-CIG cualificou de rotundo éxito o seguimento de todas as xornadas de folga desenvolvidas até o de agora (tres días a pasada semana e dous nesta), xa que foi secundada por practicamente a totalidade dos traballadores/as que non estaban asignados a servizos mínimos.

Pola contra, o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, criticou a actitude mantida pola patronal, xa que alén de non comprometerse a manter a vixencia do convenio até decembro de 2014, esta mesma semana rompeu de xeito unilateral as conversas, abandonando a mesa negociacións.

Co obxectivo que manter abertas as vías de diálogo, as organizacións sindicais tiveron unha xuntanza co Sergas o xoves pola mañá para solicitar a implicación da administración no conflito. Neste sentido, o servizo galego de saúde entendeu a necesidade de dar continuidade ás negociacións, polo que se comprometeu a falar coa patronal de ambulancias para instar ás empresas a volver á mesa.

Á espera do que aconteza nas vindeiras semanas, os traballadores/as están chamados a retomar os paros todos os xoves e venres a partir do 10 de xaneiro.