O persoal de ambulancias está convocado a asembleas para avaliar un novo calendario de protestas contra o deterioro do servizo

As organizacións sindicais alertan das consecuencias que o novo decreto terá na calidade asistencial e non descartan convocar folga no sector

A Coruña -

A CIG, UGT e CCOO compareceron este mércores en rolda de prensa para denunciar novamente os recortes que o transporte sanitario está a padecer e alertar das consecuencias que a aplicación do recén aprobado decreto que regula os servizos de ambulancias terá na calidade asistencial e nos postos de traballo. As organizacións sindicais anunciaron a celebración de asembleas de traballadores/as nas sete cidades para estudar un calendario de mobilizacións.

Representantes das tres organizacións sindicais demandaron á Consellaría de Sanidade que atenda ás demandas de solicitude de xuntanza para abordar os recortes que se están a aplicar nos servizos de transporte sanitario e a situación na que vai ficar a asistencia aos cidadáns e cidadás. O responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, censurou a Consellaría por practicar “a política da avestruz e agochar a cabeza ante os problemas”. Neste senso, apuntou que só caben dúas posíbeis explicacións para a actitude da Consellaría: “ou non saben que política de transporte sanitario seguir máis alá dos continuos recortes; ou ben os recortes que van impor son tan graves que non queren dalos a coñecer até despois das eleccións municipais”.

Pastoriza lembrou que a Xunta ten previsto o peche nocturno das bases do 061 naquelas localidades con menor número de incidencias que as grandes cidades, mentres que até o de agora este servizo se prestaba ininterrompidamente 24 horas aos día 365 días ao ano. De igual xeito, vanse pasar servizos de transporte de doentes que realizaban as ambulancias ao 065 (transporte de dependentes), a pesar de que estes vehículos non están acondicionados nin os/as condutores preparados para este tipo de transporte. E tamén está confirmada a desaparición da figura dos camilleiros/as nas ambulancias medicalizadas, polo que estes vehículos pasarán a contar cun/ha profesional menos.

Durante a comparecencia, Pastoriza criticou con dureza a eliminación no novo decreto da obrigatoriedade de pago do servizo por parte do Sergas (sempre que non fose imputábel a un terceiro, como no caso das compañías aseguradoras), mais sen que se teña determinado como e quen deberá afrontar o custe deste servizo, abrindo así a porta ao sistema de copago. “Un servizo básico á cidadanía como é o transporte sanitario non pode verse afectado polos recortes da Xunta”, aseverou.

Asembleas nas sete cidades

Dende as organizacións sindicais informaron que a semana próxima realizaranse asembleas de traballadores e traballadoras do sector nas sete cidades para avaliar a situación na que se atopa o transporte sanitario e a posibilidade de desenvolver un novo calendario de mobilización no mes de abril. Hai que lembrar que antes da aprobación do Decreto o persoal de ambulancias xa realizara protestas en diferentes puntos do País en contra do deterioro do servizo e na defensa do mantemento dos empregos.

Entre as propostas de mobilizacións estúdase instalar puntos informativos para reparto de folletos á poboación para dar a coñecer os recortes aplicados polo goberno galego e non se descarta a convocatoria de folga no sector.

Novas anteriores relacionadas.