A FGAMT-CIG denuncia que os recortes na ambulancia de Marín incrementou os tempos de resposta máis do que recomendan os expertos

A central nacionalista sostén que no último mes houbo tres emerxencias con resultado de morte por cardiopatía que non foron ben atendidas

Vigo -

A FGAMT-CIG de Pontevedra denunciou onte en rolda de prensa que no último mes producíronse tres emerxencias en Marín con resultado de morte por problemas cardiovasculares e que nas tres ocasións os tempos de resposta das ambulancias superaron o que recomendan os expertos. A central nacionalista esíxelle á Consellería de Sanidade que dea marcha atrás na decisión de deixar á localidade pontevedresa sen vehículo médico entre as 22.00 e as 10.00 horas.

O representante da FGAMT-CIG Xabier Aboi explicou que a a primeira das emerxencias tivo lugar o pasado 31 de agosto e que a pesar de que nesa data a ambulancia aínda operaba en horario completa “atopábase en Pontevedra facendo un servizo”. Indica que ese día o tempo de resposta dende que se recibiu o aviso até que o paciente foi atendido foi de 18 minutos. O seguinte incidente produciuse o 13 de setembro, co recorte xa aplicado, e nesa ocasión constatouse un tempo de resposta de 23 minutos. Na terceira emerxencia, esta mesma fin de semana, foi de 15 minutos. “Pensamos que non houbo unha atención correcta porque os informes técnicos falan de que en caso de ataques cardíacos ou patoloxías similares se o tempo de resposta e superior aos 10 minutos existen moi poucas probabilidades e que o paciente sobreviva”, detalla Aboi.

Diante disto, a FGAMT-CIG reclama a reposición do servizo e que se fagan públicas as conversas gravadas entre o persoal de emerxencias para determinar cal foi o tempo de activación e de resposta, así como as unidades mobilizadas e o resultado final. Ao mesmo tempo, demandan que se traslade á opinión pública “o contido das conversas entre os servizos médicos das ambulancias e os da sede central do 061 en Compostela”.

Éxito da concentración do venres

Aboi aproveitou a comparecencia para felicitar os veciños e veciñas de Marín que acudiron en masa á concentración convocada o pasado venres para rexeitar a decisión da Consellería e reclamar a restitución do servizo de ambulancias. Tamén denunciou que esta redución de horario pasará das 12 horas actuais a 13 despois de que Sanidade dese a orde de que a ambulancia de Marín debe pernoctar en Pontevedra, “o que significa que se perde unha hora máis entre a ida e a volta”. Finalmente, indicou que recolleron 5.000 novas sinaturas contra a decisión da Xunta, o que suma xa máis de 14.000 apoios.