Comezan as mobilizacións contra o recorte dos servizos no transporte sanitario

Traballadores/as de ambulancias de A Coruña ocuparon a Dirección provincial do Sergas

A Coruña -

Persoal de ambulancias chegados de toda a provincia de A Coruña ocuparon temporalmente na mañá deste mércores a Dirección provincial do Sergas para amosar o rexeitamento ao recorte do servizo que a Xunta prevé no borrador do Decreto que regulará o transporte sanitario de Galiza. Os traballadores/as advertiron que non van tolerar ningunha rebaixa deste servizo público, a perda de ningún emprego, nin tampouco a baixada salarial, que anunciou hai unhas semanas a patronal.

O acto de protesta realizado esta mañá enmárcase no calendario de mobilizacións que o sector acordou para os vindeiros días contra o recorte no servizo público e a rebaixa salarial do 10% pretendida pola patronal. Deste xeito, esta mesma semana repetiranse as concentracións nas provincias de Pontevedra e Ourense.

Nada máis iniciarse a ocupación do vestíbulo nas dependencias do Sergas, a Directora provincial recibiu a unha representación dos traballadores e traballadoras, aos que lles informou que trasladará á petición de reunión cos responsábeis da Consellaría cursada polas organizacións sindicais.

O Secretario de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, explicaba aos medios que o borrador presentado pola Xunta para modificar o actual decreto que regula o transporte sanitario terá un impacto negativo no emprego, xa que de aquí a un ano poderíanse perder entre o 30 e o 40% dos traballos actuais, por mor, entre outros aspectos, da redución de servizos e a desaparición da figura do/a técnico-axudante nas ambulancias medicalizadas.

A aplicación do novo decreto tamén derivará nunha caída da cantidade e calidade do servizo prestado á cidadanía. Pastoriza advertiu que  Xunta tenta suprimir o uso universalizado destes vehículos, posto que co novo decreto só se podería utilizar a ambulancia en caso de risco vital ou cando o/a usuario/a estea imposibilitado para moverse en transporte ordinario.

Ademais, o texto contempla a eliminación da obrigatoriedade de pago por parte do Sergas (sempre que non fose imputábel a un terceiro, como no caso das compañías aseguradoras), mais sen determinar como e quen tería que afrontar o custe deste servizo, abrindo así a porta ao sistema de copago. “Un servizo básico á cidadanía como é o transporte sanitario non pode verse afectado polos recortes da Xunta”, aseverou.

Alén das mudanzas previstas no borrador, Pastoriza subliñou que a Xunta planea tamén pechar durante as noites as bases do 061 nas vilas, suprimir as UVIs móbiles dos hospitais e reducir á metade as ambulancias destes centros.

Este conxunto de recortes, advirte, non teñen xustificación técnica, senón que responden á política de desmantelamento dos servizos públicos que o goberno do PP está a levar adiante, amparándose na situación de crise económica.

Folga contra o recorte salarial

A maiores, o persoal do sector de ambulancias convocará unha xornada de folga o vindeiro 22 de decembro se a patronal finalmente cumpre co anuncio realizado hai uns días a respecto de recortar un 10% os salarios dos traballadores/as. Esta redución materializaríase mediante a suspensión da paga extraordinaria de decembro.