Técnicos de emerxencias sanitarias trasládanlle aos grupos parlamentarios a necesidade dunha ambulancia medicalizada no Salnés

As xuntanzas celebráronse en Santiago no marco da campaña da FGAMT-CIG de Pontevedra para esixir maior cobertura no transporte sanitario público

Vigo -

Técnicos/as de emerxencias sanitarias trasládáronlle hoxe aos catro grupos políticos con representación no Parlamento galego a necesidade de que a comarca do Salnés conte cunha ambulancia medicalizada. As xuntanzas celebráronse hoxe en Santiago de Compostela no marco da campaña da FGAMT-CIG de Pontevedra para esixir maior cobertura no transporte sanitario público.

Os profesionais de emerxencias sanitarias estiveron no Parlamento galego acompañados de Xavier Aboi, responsábel da FGAMT-CIG de Pontevedra, con quen acudiron a entrevistarse con representantes dos grupos parlamentarios do BNG, AGE, PSOE e PP.

As xuntanzas celebráronse a iniciativa da federación de Transporte da central nacionalista, que puxo en marcha unha campaña para reclamar maior cobertura no transporte sanitario nas comarcas de Pontevedra e do Salnés.

Os técnicos/a de emerxencias sanitarios explicaron que está totalmente xustificada a necesidade de que O Salnés conte cunha ambulancia medicalizada, “xa que se cumpren todos os ratios que así o establecen, tanto de poboación (preto de 160.000 habitantes) como de número de concellos e de superficie”. Por este motivo din non entender como é posíbel que a Xunta siga sen dotar a comarca deste vehículo, “máis cando está pendente de adxudicar o servizo do 061”.

Ao mesmo tempo, sinalaron que a ausencia da ambulancia medicalizada provoca que cada vez que se produce unha urxencia vital os sanitarios/as teñen que dirixirse ao Punto de Atención Continuada para recoller o persoal necesario, “polo que se deixa sen cobertura estes centros”.

Tamén denunciaron que a falta dunha ambulancia deste tipo fai necesario que se teñan que levar a cabo transferencias en rota de pacientes (cambialos/as dunha ambulancia a outra en pleno traslado). Os profesionais advirten que este tipo de recursos, que son considerados excepcionais nos protocolos, son cada vez máis habituais.

Diante disto, o BNG comprometeuse cos técnicos/as sanitarios e co representante da FGAMT-CIG de Pontevedra a presentar unha iniciativa no Parlamento reclamando a ambulancia medicalizada para a comarca do Salnés, así como mocións nos distintos concellos afectados.