Os empregados da Cruz Vermella recollerán sinaturas de apoio as súas reivindicacións

PRECARIEDADE LABORAL

A Coruña -

O comité de empresa provincial da Cruz Vermella de A Coruña iniciará unha campaña de recollida de sinaturas entre a cidadanía para apoiar as súas reivindicacións. Pola súa banda, a dirección desta ONG segue a amosar unha vontade escasa para negociar o convenio colectivo. Mentres, a precariedade salarial do cadro de persoal continua.

O comité, no que a CIG ten maioría absoluta, deu a coñecer a campaña para obter apoios dos cidadáns nunha rolda de prensa realizada o 25 de abril en A Coruña. 

Comunicado emitido polo comité de empresa:

Actualmente estamos en situación de conflito laboral dentro das negociacións para o convenio colectivo da Cruz Vermella na provincia da Coruña. Xa dende o inicio da negociación en Febreiro deste ano a Empresa mostrou escasa ou nula vontade de negociación e dedicouse a enredar co obxectivo de dilatar o proceso e xogar coa paciencia de todos os traballadores e traballadoras.

O tema principal nesta negociación, como xa difundimos anteriormente, é a precariedade salarial na que nos atopamos. Estamos falando de salarios que aumentan soamente cando o Goberno sobe o salario mínimo interprofesional, de diplomados e licenciados que cobrando ao redor de 800 € teñen que depender dos seus pais para chegar a fin de mes, de traballadores e traballadoras que fan quendas nocturnas cobrando un suplemento de só 36 € brutos mensuais, etc.

A Empresa considera que a suba de 3 € nun salario de 601 € é un “aumento do poder adquisitivo”, tamén nos poderían dicir que para chegar a cobrar 1.000 € mensuais, coa suba que eles nos propoñen, teríamos que agardar 27 anos. Ademais hai que ter en conta que os traballadores e traballadoras de intervención social precisan urxentemente de unha dignificación profesional acorde cos servizos que se prestan neste ámbito, tan necesario e valorado pola sociedade pero non tan valorado polas propias Empresas deste sector, que promocionan e publicitan a participación económica da sociedade e que despois non utilizan eses cartos para contribuír a mellorar as condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras. Sirva coma exemplo que no Plan de Emprego de Cruz Vermella na Coruña estanse a conseguir traballos mellor pagados aos usuarios e usuarias que os dos propios Mediadores/as e Orientadores/as laborais, o que nos formula a dúbida de presentarnos coma usuario/as dos nosos propios servizos para acadar unha mellora substancial e non a esmola que nos ofrece a Empresa.

Tamén habería que subliñar a falta de ética por parte da Empresa ao convocar Asembleas de traballadores e traballadoras, desprezando ao Comité coma representante da parte social, dando datos falsos ou maquillados da situación económica co fin de dividir, amedrentar e provocar rumoroloxía de corredores que disperse a atención do verdadeiramente importante. Facilitan datos nos que poñen a lupa sobre o que lles interesa, obviando datos que non lle son tan favorables. Falan do Convenio municipal de Transporte Sanitario, que segundo eles leva sen aumentar en oito anos, pero non falan do que cobran por servizos de apoio a Fundación de Urxencias Médicas 061 ou do que cobran por enviar unha ambulancia a un evento público (fútbol, concertos, etc.), na cal soamente acoden voluntarios e voluntarias, e de casos coma estes temos ducias. Tamén son falsos os dados que dan de que as subvencións que reciben da administración apenas cobren o custe dos servizos que se ofrecen; pois unha parte importante das mesmas se xustifican e se destinan á “xestión administrativa” da institución (é dicir á dirección da entidade, que ten uns salarios fora de convenio) en lugar de destinalo aos propios programas subvencionados.

Ante estas circunstancias os traballadores e traballadoras víronse obrigados a mobilizarse e denunciar publicamente esta situación e foi só nese momento (tras dous meses e medio de negociacións) cando a Empresa se sentou a falar de posibles melloras salariais, comprometéndose a realizar un estudo financeiro de “de ate onde poderían chegar en materia salarial”; pero desde esa xuntanza (que tivo lugar o 16 de abril) a empresa non comunicou aínda sequera unha data para a próxima reunión, co cal moito nos tememos que pretenda dilatar, aínda máis, o proceso negociador.

Polo tanto o Comité de empresa da Cruz Vermella da Coruña quere manifestar que non van renunciar á negociación, e tampouco á mobilización se for preciso, para conseguir o que todo traballador merece, que é vivir dignamente do seu traballo.

O Comité, así mesmo, solicita o apoio de toda a cidadanía enviando ao Comité de Empresa sinaturas en solidariedade coas súas peticións e pola dignificación do traballo social.