Os bombeiros piden un sistema público de emerxencias que evite a precarización laboral e garanta a cobertura en todo o País

Arredor duns 80 profesionais participaron nunha concentración diante da Dirección Xeral de Protección Civil

Compostela -

Arredor duns 80 bombeiros procedentes de todo o País participaron nunha concentración diante da Dirección Xeral de Protección Civil para demandar un servizo público galego de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento que garanta un servizo de cualidade para toda a cidadanía e remate coa precarización laboral neste ámbito.

Os bombeiros dos consorcios reclaman o recoñecemento dos seus dereitos laborais, a homoxeneización das condicións de traballo, así como un servizo público de emerxencias que “responda aos estándares de cualidade da normativa europea”. Fidel Vicente, voceiro do colectivo, destacou que “logo de catro anos de promesas Galiza conta cun sistema de emerxencias precario, que carece dos protocolos necesarios e sen o material axeitado para dar cobertura a todo o País”.

Os traballadores e traballadoras dos Servizos de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento que pertencen aos consorcios están contratados por empresas privadas que xestionan este servizo público sen que existan criterios de homoxeneización laboral, polo que os traballadores/as perciben distintos salarios, teñen distintas condicións de traballo e horarios, en función do consorcio onde desenvolven o seu traballo.

Luís Ferreiro, responsábel da CIG de Monterrei-A Limia, destacaba a este respecto que “durante os últimos catro anos escoitamos promesas e máis promesas, o que queremos é que se remate coa precarización absoluta destes profesionais, que se estabilicen os seus postos de traballo e que se poña en marcha un servizo público e de cualidade”.

O colectivo de profesionais anunciou que continuará coas reivindicacións logo de que a Directora Xeral de Protección Civil coa que mantiveron unha reunión, evitase calquera tipo de compromiso e non garantise nin a estabilidade laboral nin a mellora das condicións dos bombeiros.

Constitución dos consorcios

Hai que lembrar que dos consorcios provinciais deseñados na Lei de Emerxencias só o consorcio provincial de A Coruña está en funcionamento e o de Lugo vén de constituírse mediante decreto do 5 de febreiro pasado. Mentres, apuntan, dos consorcios de Ourense e Pontevedra “non se ten ningunha noticia”.

No que atinxe aos servizos dependentes do consorcio provincial da Coruña, apuntan que os parques están concesionados con empresas privadas mediante contratos en precario, con estructuras inconexas e cunha evidente falta de medios materiais e humanos. Ademais, dende a entrada en vigor da Lei 5/2007, de Emerxencias de Galiza, a administración non ten desenvolvido ningún plan director destes servizos, ao que obriga a propia norma.

Carencia de medidas

As carencias denunciadas polos bombeiros traen como consecuencia que os distintos servizos de prevención, extinción de incendios e de salvamento veñan actuando sen criterios estables e protocolarizados, e faltos de calquera tipo de coordinación territorial e operativa, “sendo a improvisación o común denominador a todo tipo de actuacións”.

Estas carencias véñense suplindo coa profesionalidade e boa vontade dos membros dos propios servizos, que coa súa dedicación están a evitar que o sistema de emerxencias se converta nun auténtico caos.

As principais carencias denunciadas polos profesionais do servizo son:

1. -Os escasos medios humanos incumpren calquera estándar de seguridade, e tan só buscan aforrar cartos para incrementar os beneficios empresariais.

2. -Non se realizan as revisións as instalacións escolares, centros de saúde, instalacións deportivas e outros lugares estratéxicos dos concellos galegos susceptibles de emerxencia, nos que non existe ningún protocolo organizado de actuación.

3. -Non hai formación regrada nos parques, a formación e renovación de coñecementos é algo fundamental na profesión tendo que facela cada traballador pola súa conta, moitas veces mendigando cursiños e sempre de forma individual, o que supón que nunca se fan cursos conxuntos entre os compañeiros de traballo.

4. -Déficit absoluto en material e equipamento, tanto persoal como colectivo.

5. -Aforro de gasóleo ata o último céntimo o que repercute en non poder recorrer os pobos para ver as entradas e saídas, puntos de abastecemento de auga, etc.

6. -Descordinación máis absoluta entre os diferentes actores das emerxencias: Garda Civil, 061, Protección Civil, 112...

7. -Compra de vehículos e material sen ningún criterio lóxico, tan só atendendo a criterios especulativos, sen consultar en ningún caso ao persoal que vai traballar con eles, nin as necesidades reais do servizo.

8 -Non se poden realizar as practicas diarias polo aforro sistemático de material (extintores, espumóxenos, gasóleo, etc...).

9. -Concesión do servizo a empresas que non pagan os traballadores (Seganosa), que non respectan o dereitos mínimos e fundamentais do Estatuto dos Traballadores.