Tráfico poderá seguir multando os condutores do 061

A Consellaría de Sanidade mantén na indefensión os choferes deste servizo de urxencias

A Coruña -

Os axentes da Garda Civil de Tráfico poderán seguir multando os condutores das ambulancias do 061. A Consellaría de Sanidade, organismo do que depende o servizo “Urxencias Sanitarias de Galicia-061”, permanece indiferente e non realiza as xestións oportunas perante a “Dirección General de Tráfico” para evitar que estes traballadores sexan sancionados no desempeño diario da súa profesión.

O Regulamento Xeral de Circulación recoñece como vehículos de “carácter prioritario”, entre outros, os de “asistencia sanitaria que circulen en servizo urxente”, como é o caso das ambulancias do 061. Por conseguinte, a norma permite a estes condutores deixar de cumprir o Código de Circulación, agás as ordes e sinais dos axentes, “a condición de ter comprobado que non poñen en perigo a ningún usuario da vía”.

Este regulamento indica que os condutores dos vehículos prioritarios deberán utilizar os sinais luminosos e acústicos para advirtir da súa presenza ao resto de usuarios da vía. Non obstante, poderán empregar só os luminosos “cando a omisión dos sinais acústicos especiais non entrañe perigo algún para os demais usuarios.”

Sen embargo e a pesar do anterior, os condutores seguen a ser multados e a Consellaría de Sanidade conténtase coas explicacións ofrecidas desde a Xefatura de Tráfico da Coruña. Ambos organismos acordaron, inexplicabelmente, que os axentes de Tráfico impoñan sancións “cando o modo de circular das ambulancias contraveña o Código de Circulación”.

A maior contradición atópase no caso específico dos controis mediante radares fixos nos que as ambulancias circulen a máis velocidade da fixada. Neste suposto, a Consellaría e a DGT decidiron que estes vehículos non poderán circular de maneira “temeraria” e “deberán respectar todas aquelas normas reflectidas no Código de Circulación”. No caso de seren sancionadas, as empresas adxudicatarias “enviarán as multas impostas ao 061, xustificando que están nun servizo urxente”. É nesta argumentación onde se contradí Sanidade. A Consellaría, nunha resposta parlamentaria a unha pregunta do BNG, asegurara que “en todos os casos nos que se mobiliza unha ambulancia da Rede de Transporte Sanitario Urxente (nas que están englobadas as do 061), esta mobilización ten carácter de urxencia”. Por tanto, a CIG-Transporte esíxelle a este departamento autonómico que se aclare.

A CIG-Transporte pregúntase por que a Garda Civil multa os condutores de ambulancias en certas zonas e a Consellaría de Sanidade o consente. Esta pregunta non ten unha explicación lóxica, pois os condutores do 061 poden deixar de cumprir o código de circulación a condición de que non poñan en perigo ao resto de usuarios da vía.