Os traballadores/as das ambulancias do 061 continúan este xoves e venres coa folga polo convenio colectivo

O persoal decidirá en asemblea se modifica o calendario de mobilizacións

A Coruña -

Os traballadores e traballadores das ambulancias do 061 continuarán mañá xoves e o venres coas xornadas de folga (e xa van 12 días) en demanda dun compromiso da patronal para manter a vixencia do actual convenio colectivo até finais do ano 2014, mentres se negocia o novo marco normativo.

Ante as informacións aparecidas este mércores na prensa, o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, quixo aclarar que as organizacións sindicais van propor unha modificación do calendario de folgas, que aínda terá que ser sometido á vontade das asembleas de traballadores/as que se celebrarán en todas as comarcas mañá xoves, ás 21:00 horas.

Porén, Pastoriza matizou que a posibilidade de modificar o calendario de mobilizacións foi abordada polas organizacións sindicais previamente á chegada da proposta da patronal vía Consello Galego de Relacións Laborais e antes de coñecerse sequera a súa existencia, polo que as decisións que se tomen non terán nada a ver coa comunicación da parte empresarial.

O calendario que mañá levarán a aprobación das asembleas consiste en suspender á folga entre os días 2 e 24 de febreiro e retomar a folga de xeito continuado durante unha semana entre o 25 de febreiro e o 4 de marzo. A partir desa data estudaranse novas accións. En todo caso, Pastoriza recalcou que a decisión de suspender os paros, se é que así o aproban os traballadores/as, non veu motivada pola petición da parte empresarial, que xunto coas propostas enviadas aos sindicatos, puña como condición para seguir negociando o levantamento da folga.

A respecto das ofertas achegadas pola patronal, o responsábel de Transportes da CIG considera que pouco varían das xa presentadas nas mesas de negociación. Porén matizou que, seguindo o estilo da patronal, as organizacións sindicais remitiron un escrito ás empresas a través do Consello Galego, instándoas a sentar a negociar “porque a nosa resposta terana onde corresponde, que é na mesa de negociación do convenio, e non a través dun escrito”.