Traballadores do sector de ambulancias concéntranse diante da Fundación 061 en Compostela en contra dos recortes do servizo

Mantense a convocatoria de folga para o vindeiro día 8 de setembro

Compostela -

Traballadores do sector de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia concentráronse este luns diante da sede da Fundación do 061 en Conxo, Compostela, para manifestar a súa oposición á decisión de recortar o servizo. A concentración coincidiu coa xuntanza á que foron convocados os representantes sindicais, onde se lles comunicou o alcance da, segundo a administración, “reorganización” imposta. A semana pasada xa se entregaron 8.600 sinaturas en Marín contra o anuncio de eliminar unha ambulancia, durante 12 horas, e celebrouse unha concentración á que asistiron unhas 2.000 persoas.

A reunión, que se prolongou durante dúas horas, tivo un carácter meramente informativo, xa que a decisión de recortar o servizo adoptouse de xeito previo e sen negociación por parte da Xunta. Segundo explicou Ernesto López Rei, da FGAMT-CIG, o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia – 061 afirmou que a convocatoria aos sindicatos veu motivada para evitar que circule información non veraz, “mais nin sequera nos concretou cales van ser os recortes a aplicar, polo que entendemos que os datos manexados polas centrais sindicais son os correctos”.

Os recortes no servizo de transporte urxente, que o Goberno galego cualifica de “reorganización”, baséanse nun suposto estudo do número de movementos de noite e día, así como nos tempos de resposta e as posibilidades de cobertura do servizo por ambulancias doutras zonas. Non obstante, apunta López Rei, o director da Fundación negouse a facilitar dito estudo ás organizacións sindicais alegando que este só podía ser entregado pola Consellaría e mesmo declinou concretar se haberá novos recortes.

Neste senso, o representante da FGAMT-CIG, xa advertiu da posibilidade dunha severa redución no transporte sanitario non urxente, ante a noticia de que se está a avaliar a integración deste servizo na Fundación 061 e da necesidade dun estudo en profundidade sobre o funcionamento deste transporte.

Mobilizacións en Marín

En Marín celebrouse a semana pasada unha concentración na que participaron arredor de 2.000 persoas. Unha mobilización que viu precedida  por unha campaña previa de sensibilización e recollida sinaturas, das que as primeiras 8.600 xa foron entregadas o pasado xoves. Xabier Aboi, da FGAMT-CIG, explica que a poboación en Marín está moi desgustada coa decisión de eliminar a ambulancia durante 12 horas. “Sospeitamos que é das 8 da tarde ás 8 da mañá, ao igual que en Baiona. O máis grave é que aínda quedan novos recortes nos que virían máis ambulancias do 061 pero fundamentalmente as que serven ao transporte de diálise e mesmo quitar das medicalizadas o axudante”.

Aboi afirma que estamos ante un recorte dunha prestación pública que “funciona ben” e entende que a decisión de recortar este servizo “resposta á intención deste goberno de recortar os servizos básicos, fundamentalmente á saúde e ao ensino”.

Canto ao emprego, o representante da FGAMT-CIG denuncia que xa hai un primeiro traballador despedido a consecuencia desta situación, en Ponteareas.