As organizacións sindicais instan á patronal de ambulancias e Sanidade a abrir unha mesa de negociación a tres bandas

Os traballadores/as irán a folga de xeito continuado entre o 25 de febreiro e o 5 de marzo

A Coruña -

As organizacións sindicais seguen á espera dunha resposta da patronal de ambulancias do 061 e da Consellaría para abrir unha mesa de negociación a tres bandas, logo da infrutuosa xuntanza mantida o pasado luns con representantes da administración en Compostela.

De feito, o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, aseveraba que a reunión coa Consellaría “non valeu para nada” xa que non ten interese en implicarse na problemática laboral, analizar a situación dos traballadores/as ou asumir o seu papel de mediador para tentar buscar unha saída.

No transcurso do encontro, dende as organización sindicais expúxoselle á Consellaría de Sanidade á situación de” maltrato físico e moral” que a patronal está a aplicar aos traballadores/as, xa que durante os días de folga obriga ao persoal en servizos mínimos a pasar a xornada dentro da ambulancia “como se fosen un elemento máis do vehículo, un volante ou un asento”, criticou Pastoriza.

O responsábel de Transportes da CIG tamén matizou que dende Sanidade desmentiron os argumentos utilizados polas empresas para bloquear as demandas da parte social, como por exemplo que é a administración quen prohibe consignar unha paga extraordinaria máis. Ante estas informacións contraditorias, dende os sindicatos pediron que se abrise unha mesa negociadora a tres bandas (patronal, administración e representación do persoal), pero non lograron tirar ningún compromiso firme neste sentido.

Así as cousas, os traballadores/as acordaron suspender a folga de xoves e venres que mantiñan dende o pasado 10 de xaneiro e teñen convocada unha nova folga consecutiva entre o 25 de febreiro e o 5 de marzo, co obxectivo de dar un pulo decisivo para resolver o conflito.