Folga indefinida en Servizos Sanitarios Santos para reclamar ao empresario que garanta o cobro dos salarios

A empresa cubre o servizo de emerxencias do 061 e dos transportes programados na área de Redondela

A Coruña -

Os traballadores/as de Servizos Sanitarios Santos, con base en Redondela,iniciaron este mércores unha folga indefinida para esixir garantías do cobro dos salarios, xa que a empresa remitiu hai unhas semanas ao Comité un escrito comunicando que non vai poder facer fronte ao pago das nóminas. O persoal, que o xoves 8 de abril vai desenvolver unha concentración diante do Sergas, tamén reclama a apertura dunha mesa de negociación para acadar compromisos de cumprimento do convenio colectivo e corrixir as deficiencias en materia de seguridade e saúde laboral.

A empresa, que se encarga dos servizos de emerxencias do 061 e dos servizos de transporte programados, está integrada nas dúas UTEs que teñen a concesión do Sergas para realizar estas labores na zona de Redondela. Pero hai dúas semanas, o empresario entregou unha carta ao Comité na que se comunicaba que a empresa non pode facer fronte ao pagamento dos salarios, alegando que os cartos da concesión non cobren os gastos.

Diante desta situación de inseguridade, os traballadores/as acordaron iniciar este mércores unha folga para esixir garantías do cobro das nóminas de todo o persoal e demandar o cumprimento do convenio colectivo.

A este respecto, dende a FGAMT-CIG explicaron que o pasado luns se producía unha xuntanza, coa mediación do Sergas e representantes da UTE, na que esta se comprometeu a avalar ao empresario e abonar a nómina correspondente ao mes de marzo, compromiso que se fixo efectivo esta mañá.

Non obstante, a xornada de folga continuou adiante xa que a UTE só garante os pagamentos para os traballadores/as do 061, mentres que os/as destinados/as aos servizos programados permanecían na máis absoluta incerteza. Dende a FGAMT puntualizaron que existe o temor de que o empresario teña a intención de dividir a compañía, o que suporía un cambio nas condicións de traballo de parte do cadro de persoal.

Así mesmo, os traballadores/as demandaron a apertura dunha mesa de negociación para resolver outras problemáticas relacionadas co incumprimento do convenio colectivo ou coas carencias en materia de seguridade e saúde laboral e acadar compromisos firmes nestas cuestións.

Malia manter unha xuntanza de última hora, non se conseguiu chegar a ningún acordo, polo que os traballadores/as acordaron continuar coa folga. Alén diso, convocaron para este xoves, día 8 de abril, unha concentración, ás 11:30 horas, diante da Dirección Provincial do SERGAS.