A FGAMT denuncia un novo caso de persecución contra traballadores afiliados á CIG en Ambulancias do Eume

O acoso por parte do empresario chegou até tal punto que tres operarios tiveron que coller unha baixa psiquiátrica

A Coruña -

A sección de Transportes da FGAMT-CIG denunciaba na mañá deste martes un novo caso de persecución contra traballadores afiliados á esta central. Nesta ocasión trátase da empresa Ambulancias do Eume (Pontedeume), na que tres operarios se atopan de baixa psiquiátrica debido ao acoso ao que se vén sometidos por parte do empresario, contra o que a CIG presentará unha querela criminal por coaccións, lesións e atentado contra os dereitos dos traballadores. De igual xeito, vaise realizar unha demanda de tutela de liberdade sindical por ameazas, xa que o empresario coaccionou aos traballadores co obxecto de revogar ao único delegado de persoal (afiliado á CIG).

En rolda de prensa, o secretario de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, o secretario comarcal da FGAMT-CIG en Ferrol, Alexandre Romero, e os tres traballadores afectados, Modesto Casal, Iñaki Llamas e Juan Carlos López, compareceron en rolda de prensa para denunciar a situación de constante acoso e persecución que están a padecer.

A persecución contra estes tres traballadores iniciouse logo de que reclamaran ao empresario as contías que adebedaba do ano anterior a respecto das dietas, horas extraordinarias, etc. Tras varias reunións, o propietario de Ambulancias do Eume, rompeu as negociacións e ameazou con tomar represalias contra os traballadores se continuaban coas súas reivindicacións.

O empresario ten deteriorado as súa condicións laborais até tal punto que non lles permite estar na sala de descanso da base da ambulancia, prohibiulles saír a comer fóra do recinto, se queren fumar teñen que saír acompañados, teñen prohibido reclinarse nos sofás da base, chegando a botalos do centro unha noite durante tres horas.

Acoso fóra do centro de traballo

O acoso tense  producido mesmo fóra do centro de traballo, segundo denunciou Pastoriza. De feito, a un dos traballadores o empresario comezou a perseguilo a nivel individual, seguíndoo pola rúa, tirándolle fotos, entrando nos locais onde el estaba... E até mesmo tivo que intervir a policía para frear esta situación.

Doutra ocasión, este mesmo operario sufriu unha sanción de 10 días de suspensión de emprego e soldo por facilitar a  da ambulancia para o traslado dun cadáver, seguindo ordes do forense

Esta situación, veu minando a saúde dos tres traballadores, que agora se atopan de baixa psiquiátrica. Baixa que xa foi revisada, a instancias do empresario, pola Inspección Médica, quen confirmou que os tres operarios se atopan en condicións psicolóxicas moi malas e cuxa recuperación requirirá en prolongado período de tempo.

Denuncias na Inspección e querela criminal

A CIG, pola súa banda xa presentou denuncias diante da Inspección de Traballo así como demanda de cantidades polos atrasos que a empresa adebeda aos traballadores. Así mesmo, estase estudando presentar unha demanda de tutela de liberdade sindical por ameazas, xa que o empresario coaccionou aos traballadores co obxecto de revogar ao único delegado do persoal de Ambulancias do Eume, Modesto Casal.

Pastoriza tamén advertiu que se está a ultimar unha querela criminal contra o empresario por coaccións, lesións e atentado contra os dereitos dos traballadores, que se presentará a vindeira semana.

Criticas ao 061

Dende a FGAMT-CIG criticouse a actuación da Fundación de Urxencias Sanitarias 061, quen até o momento ignorou todas as irregularidades cometidas por Ambulancias do Eume e postas no seu coñecemento pola CIG e os traballadores, tanto no que se refire ao acoso laboral como ás pésimas condicións nas que se atopa a única ambulancia da empresa. Dende a CIG laméntase que diante desta situación o 061 se limitase a dicir que a documentación da empresa está en regra.

Neste senso, hai que lembrar que Ambulancias do Eume está integrada na UTE que ten a concesión da zona sanitaria de Ferrol, cubrindo os Concellos de Pontedeume, A Capela, Cabanas, Monfero, Ares e Mugardos. Non obstante, Ambulancias do Eume non cumpre nin sequera coa legalidade vixente, que obriga a ter dúas ambulancias (unha delas de reposto), pois só conta cun vehículo, que ademais tampouco cumpre coas condicións mínimas esixidas: ten ferruxe, éntralle auga, e sofre constantes avarías.