A nova Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Marín convoca unha manifestación contra o recorte do servizo de ambulancias

A mobilización saíra da Alameda o vindeiro venres día 16 de setembro a partir das 20.30 horas

Vigo -

Distintos colectivos e asociacións de Marín acordaron o pasado mércores constituír unha Plataforma en Defensa da Sanidade Pública que se adherirá a SOS Sanidade Pública e reclamará un hospital único para Pontevedra. O novo colectivo, do que tamén forma parte a CIG, convocou unha manifestación para o venres día 16 de setembro co obxectivo de esixirlle á Consellería de Sanidade que manteña o servizo de ambulancias como até o de agora.

A actividade da Plataforma centrarase nos seus primeiros días de vida en rexeitar os recortes previstos na ambulancia do 061 na localidade pontevedresa, que estará só 12 horas de servizo en lugar das 24 actuais. Ao mesmo tempo, reclamarán a construción do Centro de Saúde de Marín, “que leva xa un atraso de dous anos dende que o Concello puxera os terreos a disposición da Xunta”, indican dende o colectivo.

Todos as asociacións e colectivos interesados en formar parte da iniciativa terán até o venres 16 de setembro para comunicar a súa intención de integrarse na Plataforma que velará polos dereitos sanitarios da veciñanza de Marín.