Conciliación con dereitos

Conciliación con dereitos ante as necesidades de coidados xeradas pola pandemia

O Goberno galego e do Estado español desde a o inicio da pandemia non adoptaron disposicións que garantisen a protección das persoas que se fan cargo dos coidados. Tampouco se formularon medidas para casos especiais como os formados por familias monoparentais, feminizadas na súa meirande parte, as cales quedaron desprotexidas e sen alternativas para o coidado.

Polo tanto, é preciso tamén ter en conta o impacto de xénero das medidas dirixidas á conciliación, dado que en moitos dos fogares que se acolleron a estas medidas as persoas que ficaron ao coidado das dependentes son mulleres, e dado que moitas das fórmulas que nós imos presentar van ter como protagonistas ás propias mulleres, por seren maioría novamente nos sectores laborais que poden dar resposta a esta crise.

Coa intención de dar resposta a esta problemática é necesario artellar solucións que teñan en conta as peculiaridades do noso país, tanto no que respecta á localización dos núcleos de poboación, á dispersión xeográfica ou ao tecido produtivo galego. Por todo o exposto, propoñemos a adopción das seguintes medidas dirixidas a garantir a protección da clase traballadora galega que precisa facer uso dos seus dereitos de conciliación:

  • 1. Xornada reducida sen redución de salario

    Estabelecemento dunha xornada reducida sen redución de salario de 30 horas semanais, que permita exercer as obrigas e dereitos de coidado.

  • 2. Xornadas intensivas

    Estabelecemento de xornadas intensivas a combinar entre cónxuxes.

  • 3. Licenzas remuneradas

    Licenza remunerada para quen non poida asistir ao traballo por razóns urxentes derivadas do coidado de crianzas e persoas dependentes. Esta licenza darase no caso de que as persoas persoas suxeitos causantes precisen de atención directa e continuada e non podan acudir a centros educativos ou de coidado (confinamentos, enfermidades,...).Deberá achegarse unha solicitude na que se expoña a imposibilidade de acollerse ao teletraballo ou realizar unha adaptación da xornada laboral.

  • 4. Prestación da seguridade social

    Establecemento dunha prestación da seguridade social para que o detrimento económico derivado do coidado de persoas, en concreto nos casos de goce dunha redución de xornada sempre que a mesma sexa inferior ao 100%.A empresa seguirá facéndose cargo das cotizacións e a Seguridade Social pagará unha contía do 75% do salario do mes anterior á solicitude da prestación calculada en proporción ao tempo reducido.

  • 5. Solicitude de desemprego

    Posibilidade de solicitar o desemprego para aquelas persoas traballadoras que solicitaron unha redución de xornada do 100% ou unha excedencia por coidado. Este tempo de desemprego entenderase como non consumido de igual forma que o persoal afectado polos ERTE.

  • 6. Servizos colectivos de coidado de carácter público

    Creación de servizos colectivos de coidado de carácter público ou adaptación de edificios e locais existentes destinados ao coidado e á atención das crianzas e da mocidade até os 18 anos. Estas instalacións combinarán actividades lúdicas con espazos onde poidan ler, imprimir documentos, realizar tarefas educativas de repaso, co obxectivo de paliar a fenda dixital e garantir o acceso de todas as crianzas ás novas tecnoloxías e internet.

    A Xunta de Galiza, mediante o organismo público de ámbito galego que lle corresponda, correrá a cargo e coordinará cos concellos (ou de ser o caso ás deputacións provinciais) a prestación directa destes servizos, coa contratación do persoal necesario e habilitando as partidas económicas necesarias para garantir unha prestación directa dos mesmos.

    NO ÁMBITO RURAL

    • Reacondicionamento de institucións, ou creación de novas instalacións e servizos:

    • Adaptaranse os espazos das escolas unitarias, escolas agrarias, centros cívicos municipais, casas da cultura, casas da mocidade, locais de ensaio, ou outras infraestruturas como servizos de atención ás crianzas, que serán reconvertidas como espazos lúdicos/educativos, garantindo que poidan realizar actividades ao aire libre, actividades de lectura, xogos, acceso a puntos WIFI, con servizo de impresión de documentos etc.

    • Garantir a creación e posta en marcha da rede pública de Casas niño no rural naqueles municipios de menos de 5000 habitantes onde non exista esta infraestrutura.

    • Modificación dos requisitos do Bono Coidado que permite a contratación dunha persoa coidadora. O persoal será contratado polos concellos, garantindo este servizo para todas as unidades familiares que carezan doutro recurso de coidado. Poderase facer uso deste recurso non só para cubrir necesidades puntuais, senón que poderán superar o máximo actual de 80 horas por familia e abarcar o horario que non poidan combinar entre os cónxuxes. No caso das familias monoparentais, a persoa coidadora contratada mediante o bono realizará a súa actividade cubrindo a xornada laboral da persoa proxenitora que solicita o servizo. Para esta situación tampouco haberá límite de idade.

    NO ÁMBITO URBANO

    • Reacondicionamento de institucións, ou creación de novas instalacións e servizos:

    - Adaptaranse as escolas infantís municipais, centros de día, centros cívicos municipais, casas da cultura, casas da mocidade, como servizos de atención ás crianzas ou outras infraestruturas como servizos de atención ás crianzas, que serán reconvertidas como espazos lúdicos/educativos, garantindo que poidan realizar actividades ao aire libre, actividades de lectura, xogos, acceso a puntos WIFI, con servizo de impresión de documentos etc.

    • Modificación dos requisitos do Bono Coidado que permite a contratación dunha persoa coidadora. O persoal será contratado polos Concellos, garantindo este servizo para todas as unidades familiares que carezan doutro recurso de coidado. Poderase facer uso deste recurso non só para cubrir necesidades puntuais, senón que poderán superar o máximo actual de 80 horas por familia e cubrir o horario que non poidan combinar entre os cónxuxes. No caso das familias monoparentais, a persoa coidadora contratada mediante o bono realizará a súa actividade cubrindo a xornada laboral da persoa proxenitora que solicita o servizo. Tampouco haberá límite de idade.

    Todas as medidas adoptadas levaranse a cabo garantindo en todo momento a protección da saúde tanto das persoas traballadoras, como das usuarias dos servizos, debendo cinxirse ás recomendacións das autoridades sanitarias.