Propostas transversais

Propostas de carácter transversal
  • 1. Intervención pública e sistema financeiro

    • Creación do Instituto da Empresa Pública Galega, constituído cos centros de traballo das empresas públicas estatais existentes en Galiza, que deben ser transferidos, así como con aquelas outras de capital público galego, hoxe existentes ou de nova creación. Será o encargado de nacionalizar empresas ou crear novas en sectores hoxe considerados claves para a supervivencia dun país. Asemade, este instituto debería participar en empresas necesitadas de financiamento, tanto para evitar a entrada de fondos estranxeiros, como unha forma de repartir beneficios e non só de socializar perdas.

    • Participación da Xunta directamente, ou a través de empresas mixtas, e con control efectivo, na constitución de novos proxectos industriais vitais para o país, en sectores estratéxicos como o financeiro, enerxético, lácteo, naval ou redes de comercialización.

    • Paralización de calquera política de privatización de empresas e servizos públicos. Aprobación dun calendario para o retorno ao sector público de todos aqueles servizos e empresas públicas que foron privatizadas.

    • Aprobación de forma urxente das actuacións necesarias para a nacionalización e intervención pública de Alcoa San Cibrao e Alú Ibérica ante o carácter estratéxico do sector do aluminio en Galiza. Creación dun Banco Público Galego, unha entidade financeira de carácter pública e comercial, titularidade da Xunta de Galiza. Que actúe ao mesmo tempo como Axencia Financeira de Institucións Galegas, co obxectivo de reformular os instrumentos financeiros a disposición das nosas empresas produtivas.

    • Fortalecemento e mellora das sociedades de garantías recíprocas, mediante o fornecemento de recursos suficientes, de xeito que poidan ampliar a súa función de instrumentos de promoción empresarial, especialmente de empresas de nova creación.

    • Esixir por parte do Goberno galego ao Goberno español que as relacións de orde económico e financeiro entre Galiza e o Estado español se desenvolvan e formalicen a través dun concerto económico que se pacte entre ambas institucións. • Xestión directa pola Xunta de Galiza dos fondos europeos destinados ao noso país. • Esixir do Banco Central Europeo que preste diñeiro directamente aos Estados e CA ao mesmo prezo que o fai á banca privada.

    • Esixir o mantemento de oficinas bancarias en todos os concellos. O feito de que múltiples concellos estean quedando sen ningunha oficina bancaria é un dos factores que máis contribúe ao despoboamento do rural.

    • As empresas que reciban fondos públicos e tras iso aposten pola deslocalización de parte da súa produción, deben ser penalizadas. O mesmo tempo debe incrementarse até 10 anos o período durante o que as empresas que reciban fondos públicos deban manter as condicións e o emprego.

    • Garantir a dispoñibilidade de chan industrial con fórmulas de adquisición flexíbeis e coherentes coas necesidades loxísticas e industriais.

  • 2. Unha fiscalidade progresiva e xusta

    • Modificar a escala de gravame do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), incrementando a progresividade deste, aplicándolles ás rendas do capital o mesmo tratamento fiscal que ás rendas do traballo.

    • Reducir o tipo de gravame do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) naqueles produtos de primeira necesidade, para o desenvolvemento integral da vida en condicións dignas, por debaixo do valor anterior á última reforma, e incrementalo para os bens suntuarios.

    • Creación dun imposto sobre os beneficios extraordinarios da banca e os activos financeiros.

    • Eliminación dos privilexios fiscais da igrexa e das SICAV.

    • Fin dos incentivos fiscais aos plans privados de pensións.

    • Esixir o pagamento dos tributos en Galiza de todas as empresas que teñan centros de traballo en territorio galego.

    • Auditar a débeda pública e privada para denunciar os contratos ilexítimos e liberar a carga financeira asociada.

    • Flexibilizar as porcentaxes de endebedamento da economía, destinando os fondos deste novo endebedamento en actividades xeradoras de emprego ou que permitan incrementar o benestar da sociedade.

    • Garantir unha tributación mínima efectiva no Imposto de Sociedades do 15% en xeral; no caso de grandes empresas e sectores de hidrocarburos e banca a tributación mínima situaríase no 18%. Suprimir a maior parte das bonificacións e deducións do Imposto de Sociedades que na práctica están reducindo dito imposto efectivo a menos da metade do nominal • Posta en marcha da taxa Tobin e a taxa Google.

    • Prohibir a contratación e as axudas públicas a empresas que teñen a sede en paraísos fiscais.

    • Eliminar os fondos destinados á igrexa no IRPF.

    • Crear os medios suficientes para perseguir e castigar a fraude e a evasión fiscal. Supresión dos paraísos fiscais.

  • 3. Estabilidade e aumento do investimento en I+D+I

    • Dotación plurianual e garantía orzamentaria dedicada á investigación científica até que iguale a media da eurozona.

    • Adopción de medidas que lle permitan ás pequenas e medianas empresas participar en proxectos de I+D+i.

    • Oferta de instalacións e consello técnico por parte da Administración galega ás novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica, priorizando aqueles proxectos empresariais relacionados coa produción enerxética limpa, así como a aqueles que potencien a produción, transformación e comercialización de produtos do país e unha economía autocentrada e sustentábel.

    • Apoiar a colaboración entre as universidades, centros de formación profesional e as empresas para crear sinerxías que permitan aproveitar o I+D que produce o noso sistema universitario.

    • Elaboración dunha axenda propia de investigación entre todas as entidades, públicas e privadas, que sexan artífices desta. • Dignificación da actividade e as condicións laborais dos/as investigadores/as.

    • Recoñecemento do interese público emitido pola Consellaría de Sanidade ou o SERGAS, de forma obrigatoria, no outorgamento das licencias que van ser explotadas por terceiros para evitar que as empresas que as explotan impoñan os prezos do mercado.

  • 4. Defensa dos servizos públicos

    • Eliminación na Lei de Orzamentos do Estado da taxa de reposición.

    • Incrementar as prazas públicas e gratuítas para o alumnado de 0 a 3 anos con horarios adaptados ás necesidades laborais da poboación traballadora.

    • Ordenar e incrementar a oferta de ciclos formativos no ensino público que satisfaga a demanda existente para facilitar o emprego e o desenvolvemento daqueles sectores estratéxicos do tecido industrial e produtivo galego. Eliminar as restricións actuais na oferta de ciclos formativos na mesma localidade, garantido unha oferta que dea resposta a demanda das diferentes familias profesionais.

    • Fornecer os centros de ensino de suficiente profesorado que posibilite a baixada de ratios de alumnado por aula, mellorando a atención á diversidade. Plan de acción global fronte ao abandono dos servizos sociais e educativos, en particular no medio rural, coa reapertura dos centros pechados nos últimos anos.

    • Aprobación dun plan de prevención e actuación contra o fracaso e o abandono escolar para acadar a máxima calidade posíbel e garantir persoal de administración, coidadores, así como doutras figuras profesionais non docentes en todo os centros onde sexan necesarios.

    • Execución de todas as adaptacións necesarias en todos os centros educativos públicos para unha mellora tecnolóxica e de conexión de alta velocidade por fibra e dotación por parte da Administración galega dos servizos complementarios necesarios, nomeadamente de comedores e transporte escolar.

    • Xestión pública directa da sanidade, acabando coas privatizacións e recuperando o privatizado; incrementar a dotación orzamentaria tanto para aumentar o número de profesionais e mellorar as condicións laborais e salariais, como o número de camas hospitalarias, tecnoloxías innovadoras en saúde etc. Dotar quendas de tarde nos hospitais.

    • Aprobación dun orzamento propio para Atención Primaria. Así como a creación da Xerencia de Primaria, para que este nivel de asistencia poida desenvolver os seus obxectivos sen estar supeditado aos intereses hospitalarios.

    • Control público da produción de produtos farmacéuticos e de todo tipo de bens de uso sanitario como respiradores, máscaras, batas...

    • Fomento da investigación pública e posta en valor e explotación dos resultados acadados.

    • Eliminación do copagamento farmacéutico.

    • Elaboración dun Plan Galego de Saúde Mental, coa participación de todos os sectores afectados, que promova unha saúde mental en positivo, con especial atención ás persoas menores e coa introdución da perspectiva de xénero.