Sectores produtivos e comercio

  • 1. Sector Agrario

    • Aprobación dun marco lexislativo e dun plan de medidas de apoio ao sector gandeiro, agrario, hortícola, vitivinícola etc., que garanta uns prezos xustos dos seus produtos.

    • Aprobación dun plan especial que fomente a incorporación de xente moza a actividade agraria, con facilidades de financiamento, que permita a co-explotación cando unha persoa nova se incorpore á explotación do pai ou nai etc. Así mesmo, de medidas especiais para as explotacións agrarias e gandeiras de zonas de montaña.

    • Apoio público e potenciación da agricultura extensiva, da gandería e da agricultura ecolóxica. • Creación dunha rede de servizos técnicos públicos relacionados coa actividade agraria e gandeira.

    • Apoio aos circuítos curtos de comercialización e de transformación dos produtos por parte das/os propias/os agricultoras/es.

    • A produción de alimentos non se debe desligar das necesidades ambientais, da saúde da cidadanía, da despoboación do rural,… polo que se deben potenciar de forma transversal producións sostíbeis destinadas, principalmente, aos mercados máis próximos.

    • É necesario avanzar na nosa soberanía alimentaria, fomentando os circuítos curtos de proximidade, garantindo o autoabastecemento de alimentos frescos e reducindo, o máis posíbel, as importacións.

  • 2. Sector pesqueiro e industria conserveira

    • Implantación dun plan integral de recuperación dos caladoiros do litoral, rías e bancos naturais de marisqueo, que contemple, de acordo co sector, paradas biolóxicas subvencionadas, recuperación do litoral e bancos marisqueiros afectados polos recheos, depuración de todos os residuos urbanos e industriais, e a creación de sementeiros de carácter público que permitan que as mariscadoras poidan acceder a este servizo que actualmente está en mans privadas.

    • Pór en valor a calidade da conserva galega (bonito do norte, xouba, agulla, mexillón etc). Deseño por parte do Goberno galego dun plan integral produtivo e extractivo (produción, flota, marisqueo) no que se inclúa o creto a pequena e mediana empresa, contemplando un etiquetado no que apareza claramente identificada a procedencia, ademais de activar nos mercados internacionais campañas divulgativas da calidade da nosa conserva.

    • Potenciación dos sistemas de semicultivo dos areais, apostando por pequenos proxectos cooperativos con apoio científico técnico público.

    • Modernizar e impulsar os sistemas de transformación, comercialización e distribución dos produtos pesqueiros, xunto cun control exhaustivo das importacións que permitan unha identificación da orixe dos produtos.

    • A cuota da flota que vai ao desguace que retorne á Administración para garantir o seu xusto reparto entre a flota que continue coa actividade.

    • Esixencia ante a UE e o Estado español do peche de acordos pesqueiros con terceiros países que non exclúan a flota pesqueira galega, así como a non aplicación a Galiza da política de cotas e TAC impostas pola UE.

    • Esixencia da plena autonomía de Galiza para exercer as competencias en materia de pesca de baixura e marisqueo.

  • 3. Sector forestal

    • Os principios reitores en relación á política forestal deberán guiarse pola diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos, a non privatización dos montes veciñais, a creación de emprego e a sostibilidade económica e social, o respecto e compatibilidade coas demais actividades agrarias.

    • Así mesmo, son necesarias as seguintes actuacións:

    • Promoción do ciclo completo da transformación da madeira en Galiza e apostar pola segunda transformación, con apoio a aquelas empresas que aposten polos produtos de calidade e deseño diferenciado

    • Recuperación do tecido industrial dedicado aos distintos aproveitamentos forestais.

    • Investimento na promoción da produción de madeira de calidade e doutros produtos do monte.

    • Apoio á investigación para unha industria forestal integral e sostíbel.

    • Fomento do aproveitamento da biomasa forestal só residual, da silvicultura con madeiras de calidade e prohibición dos cultivos enerxéticos.

  • 4. Sector Naval

    Ría de Ferrol:

    • Aprobación dun plan que manteña o naval como sector estratéxico, creando o Complexo Integral da Ría que abranga todas as áreas relacionadas coa construción naval tanto militar como civil, investimento necesario no departamento de carenas para non perder mercado e poder acceder a outros sectores no mundo da reparación e que a fábrica de turbinas incremente a súa capacidade produtiva ao igual que o sector de bens de equipo e enerxético.

    • Execución dos investimentos para a modernización do estaleiro, o denominado “Estaleiro 4.0”, onde aglutinar nun espazo de terreo todos os elementos que teñan que ver coa construción dos barcos, o seu deseño etc., dotándoo dun dique seco cuberto, de acordo ao proxecto inicial.

    • Construción dun buque loxístico alternativo para paliar a subactividade até o inicio das fragatas (está previsto comezar a cortar chapa no primeiro trimestre de 2022, pero hai serias dúbidas de que se poidan cumprir os prazos), para o cal xa existe autorización de gasto para construír un destes buques nos estaleiros do sur.

    • Apurar ao máximo os prazos dos proxectos das F-110.

    • Posta en marcha do centro tecnolóxico e implementar o estaleiro 4.0.

    Ría de Vigo:

    • Conformación dun holding entre os distintos estaleiros, empresas auxiliares e empresas transformadoras do metal na ría de Vigo, con participación pública e privada, para proxectos conxuntos como centrais de compras comúns, deseño etc., e investimentos comúns en tecnoloxía, I+D+i. Diversificación da oferta para aumentar a carga de traballo con contratos firmes para construír e despois un financiamento para desenvolver os proxectos, e todo isto acompañado duns beneficios fiscais.

    • Solución estábel e duradeira para o esteleiro de Barreras a través do proceso de retorno ao sector público. Recuperar a actividade nas instalacións de Vulcano mantendo a concesión actual do Porto de Vigo para a construción e reparación naval.

  • 5. Sector do Comercio e o Turismo

    • Promoción, por parte das administracións públicas galegas, da necesidade de consumir produtos e servizos fabricados en Galiza. Apostando polos produtos de calidade e deseño propio, como produto diferenciado e como a mellor forma de manter e crear emprego no noso país, empezando por facer efectiva esta medida as propias institucións públicas.

    • Campaña permanente de sensibilización e comunicación que poña en valor as vantaxes do pequeno comercio: trato, calidade, localización... Limitar a instalación de grandes superficies comerciais.

    • Implantar medidas de formación para o pequeno comercio para facelo máis competitivo, especialmente aproveitándose do uso de novas tecnoloxías.

    • Potenciar un turismo sostíbel e de calidade. Débese compatibilizar a industria turística coa protección do medio e a calidade de vida nas cidades (evitando procesos de xentrificación). Prohibir, limitar e controlar os chamados pisos turísticos.