Non existen artigos de novas actualmente.
» Accede aquí aos vídeos do VIII Congreso
A CIG celebrou hoxe o seu VIII Congreso, o primeiro como a forza sindical con máis representación en Galiza, como xa o era en afiliación e en capacidade de mobilización. Unha xornada de debate na que, baixo o lema "Forza para Avanzar", máis de 600 delegados e delegadas actualizaron o modelo de organización e definiron as liñas de acción sindical que guiarán o traballo a desenvolver nos vindeiros catro anos. O VIII Congreso reelixiu ademais a Paulo Carril como secretario xeral, que recibiu 464 votos a favor, 35 en branco e 7 nulos e renovou a súa Executiva confederal que foi respaldada por 477 votos a favor, 29 en branco e 3 nulos.
A sesión da tarde do VIII Congreso Confederal arrancaba co debate e a votación do Relatorio de Acción Sindical no que se marcas as principais liñas de actuación do sindicato para os vindeiros catro anos, cun obxectivo central: avanzar nunha saída galega xusta da crise. O documento, aprobado con 406 votos a favor, 2 en contra e 6 abstencións, contempla un ambicioso plan de medidas alternativas para a recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno en Galiza, coas que superar as políticas neoliberais que nos viñeron aplicando e que esixen a combinación de actuacións de urxencia con propostas a longo prazo e de carácter estratéxico.
O pleno do Congreso da CIG vén de aprobar con 405 votos a favor, 0 en contra e 3 abstencións, o Relatorio de Organización e Estatutos. Un documento que salienta o papel da CIG como “instrumento útil e capaz, de contrapoder real fronte á explotación de clase”, que foi o que levou á central sindical a ser hoxe primeira forza en representatividade en Galiza.
O Informe da Executiva saínte, que foi presentado polo secretario xeral, Paulo Carril, foi aprobado por 465 votos a favor, 1 en contra e 7 abstencións. O documento dá conta do traballo desenvolvido pola central sindical desde a celebración do anterior Congreso Confederal. Un período no que a CIG acadou un “protagonismo indiscutible na organización da conflitividade laboral e mobilización social, así como no lanzamento de alternativas e propostas para armar a defensa da clase traballadora galega”.
» ACCEDE AQUÍ A TODOS OS VÍDEOS DO SEMINARIO
Baixo o título “A defensa do traballo na era covid-19” celebrouse, durante toda a xornada deste venres, un Seminario Internacional organizado pola CIG no que participaron representantes de organizacións sindicais de diferentes países do mundo. Unha convención na que as e os asistentes alertaron dos perigos da globalización, que cualificaron como “insostíbel”, e fixeron un chamamento a combater a ofensiva mundial do capital -reforzada so pretexto da covid- contra o traballo.
A CIG fixo este xoves en Ferrol un acto de conmemoración do centenario da Patagonia Rebelde -as loitas obreiras que os traballadores da provincia de Santa Cruz (Arxentina) levaron adiante entre 1921 e 1922 en demanda de melloras salariais, das condicións de vida e polos dereitos sindicais-, e unha homenaxe á figura do seu líder, Antonio "Gallego" Soto. Esta actividade enmárcase nos actos que a central nacionalista ten organizados co gallo do VIII Congreso Confederal que terá lugar este sábado, día 9 de outubro, e consistiu nunha ofrenda floral na casa natal de Antonio Soto e unha conferencia posterior no Teatro Jofre.
Unha única candidatura, encabezada por Paulo Carril, concorrerá á Executiva Confederal e Secretaría Xeral no VIII Congreso da CIG, que terá lugar este sábado, día 9 de outubro no Pazo de Congresos de Compostela (San Lázaro). Unha xornada de debate na que máis de 600 delegados e delegadas elixidos/as polas federacións nas distintas comarcas, xunto cos membros do Consello Confederal e da Comisión de Garantías analizarán o traballo desenvolvido nos últimos catro anos e definirán os obxectivos que se fixa a central sindical para o vindeiro período.
A Confederación Intersindical Galega celebra este sábado día 9 de outubro, o seu VIII Congreso, baixo o lema “Forza para Avanzar”. Máis de 600 delegados e delegadas reuniranse no Pazo de Congresos de Santiago para, a partir das 9:30 horas, poñer a punto o sindicato nacionalista para os vindeiros catro anos e definir as liñas de acción sindical para afrontar “a profunda crise na que estamos inmersos, na que está en xogo o noso futuro como pobo galego”. Un momento no que “máis que nunca necesitamos reforzar a nosa capacidade de confrontar para gañar unha saída galega xusta da crise”, avanzou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
>>Accede aquí aos vídeos do VIII Congreso
Pazo de Congresos de Compostela (San Lázaro)
Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos. Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.