Buscar novas
Bombeiros comarcais mobilízanse en Compostela para exixir melloras nas súas condicións laborais
Un especialista representou o 'queimado' que está o colectivo por Rueda e Villanueva prendéndose lume ao 'bonzo'
O colectivo de bombeiros comarcais percorreu esta mañá as rúas de Compostela, desde as portas do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, até a praza do Obradoiro, ao pé do despacho do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no pazo de Raxoi. Durante o percorrido corearon o "Bombeiros pobres, Nunca Máis", para denunciar a precariedade que padecen, e exixiron que se inicie dunha vez a negociación para que se lles garantan condicións laborais dignas. Ao remate, para representar o 'queimados' que están, un especialista prendeuse lume ao bonzo, fronte dous compañeiros caracterizados como Rueda e Santiago Villanueva, o Director Xeral de Emerxencias.
Pasadas as doce de mediodía iniciaba o seu percorrido a manifestación, que durante dúas horas e acompañada do son constante dos petardos e berros das e dos asistentes, se fixo notar polas rúas de Compostela.
O colectivo, que leva en folga desde o mes de xuño, agarda por unha solución ao conflito que depende de que os representantes de cada Consorcio –Xunta e Deputación de cada provincia- senten a negociar unha mellora das súas condicións laborais. Unha demanda que non inclúe unicamente un incremento salarial, senón tamén a dotación de efectivos suficiente para que se poida garantir a seguridade tanto de quen atenden as emerxencias, como da poboación que demanda dos seus servizos.
De feito, ao remate, durante a lectura do manifesto co que se puxo punto e final a esta mobilización, ademais de demandar unha Lei de Emerxencias acaída ás necesidades non só do colectivo de bombeiros, senón tamén do resto dos servizos de emerxencia de Galiza, que tamén se sumaron á protesta, 061 ou 112, denunciaron a falta de medios humanos.
Nese sentido explicaron que os bombeiros comarcais prestan atención a máis de 1.700.000 persoas “e facémolo con 75 efectivos cada día”, denunciaron. Setenta e cinco bombeiros que ademais de atender á poboación, en emerxencias como accidentes de tráfico ou incendios “temos que estar dispostos a enfrontarnos a calquera desastre nos máis de 180 polígono industriais” que hai no noso país.
Queimados
O colectivo responsabiliza da súa situación ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e máis ao Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva. Asegura que a esta altura están queimados e para representalo, en pleno Obradoiro, dous bombeiros caracterizados de Rueda e de Villanueva prenderon lume a un especialista, entre os apupos das e dos manifestantes.
O certo é que levan intentando sentar a negociar meses sen que a parte que representa a administración sequera se presente ás citas. Por iso anunciaron que continuarán mobilizándose e facendo ruído até conseguir un convenio único para todos os bombeiros de Galiza, dos Consorcios provinciais que dignifique a súa profesión e que valore o posto, cunha RPT que recolla exactamente as valoracións do complemente específico que teñen que ter, ademais de avaliar correctamente o número de efectivos necesarios para atender como se merecen as galegas e galegos, as emerxencias que poida haber.
Teleoperadoras/es do 061 anuncian mobilizacións ante os ataques aos seus dereitos laborais
A concesionaria do servizo ameaza coa modificación substancial das súas condicións laborais
Teleoperadoras/es e locutoras/es do 061 veñen de reclamar respecto aos seus dereitos laborais. Denuncian que a concesionaria do servizo de operación telefónica da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061, Fidelis Servicios Integrales S.L.U. (Grupo Servicio Móvil S.A.), ameaza coa modificación substancial das condicións laborais da meirande parte do cadro de persoal, o que suporía a precarización para as traballadoras e traballadores e un deterioro importante na calidade deste servizo esencial para a cidadanía. Por este motivo, anuncian mobilización s e non descartan ir á folga, que podería coincidir coas festas de Nadal e fin de ano.
A denuncia en Inspección de Traballo presentada polos representantes das traballadoras e dos traballadores por varios incumprimentos do Convenio de Centro de Chamadas (Contact Center), resolveuse cun requirimento de aplicación inmediata da Inspección que insta á empresa a que respecte os descansos de dúas fins de semana ao mes, tal e como establece o convenio colectivo, para as traballadoras e traballadores do servizo de urxencias sanitarias 061, dependente do SERGAS.
Ante esta esixencia, Fidelis Servicios Integrales S.L.U., propuxo ao cadro de persoal inaplicar o convenio en materia de xornada, proposta que foi rexeitada polo cadro de persoal. Lonxe de buscar unha solución negociada, respondeu ameazando con reducir a xornada laboral a parte das traballadoras e traballadores se non lograba que se aprobara a súa proposta unilateral de inaplicación de parte do convenio ou un convenio feito a medida da empresa (e sen aportacións da parte social), propostas da empresa que tamén foron rexeitadas pola asamblea de persoal.
Sorprendentemente, tampouco presentou ningunha alternativa de horario que cumprise cos descansos establecidos pola Inspección de Traballo e que permitise ás traballadoras e traballadores manter as súas condicións e xornadas actuais.
O 061 mira para outro lado
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061, contratista de Fidelis para a prestación do servizo de operación telefónica, tamén se desentendeu do conflito e afirmou que non ten capacidade legal para obrigar a Fidelis a cumprir coa normativa vixente. O que resulta sorprendente, xa que os pregos de condicións recollen en varios apartados a obriga de respectar as cuestións previstas no Convenio de Centros de Chamadas (Contact Center). Ademais, o incumprimento é evidente, posto que hai un requirimento indubitado da Inspección de Traballo, autoridade competente en materia laboral.
A CIG reclama máis medios no transporte sanitario do 061 en Pontevedra-O Salnés de cara ao próximo concurso
Denuncia que os recursos case non se incrementaron en máis dunha década a pesar do aumento da poboación e do número de actuacións
A FGAMT-CIG reclamou hoxe a dotación de máis medios no servizo de transporte sanitario urxente do 061 nas áreas de Pontevedra e do Salnés de cara ao próximo concurso de adxudicación, previsto para o vindeiro mes de novembro. Dende a central denuncian que os recursos son practicamente os mesmos que hai unha década a pesar do incremento da poboación e do número de actuacións.
Representantes da CIG nas bases de Portonovo, Caldas, Vilagarcía e Cambados compareceron hoxe en rolda de prensa no local da central sindical en Vilagarcía xunto aos integrantes da FGAMT de Pontevedra, Xavier Aboi e Ceci Tarela para presentar un informe no que se evidencia a necesidade de dotar o servizo de maiores recursos cos que facer fronte ao aumento das emerxencias.
O documento sostén que á vista dos datos o aumento no número de servizos e no traslado de pacientes dende hai máis dunha década, así como das persoas a atender en período estival, “ou se incrementa o número de unidades e técnicos/as para prestar servizos ou seguirá a vivirse a situación de colapso e atraso na prestación do servizo derivada de ter que mobilizar recursos para atender lugares a unha hora de traxecto, o que implica unha demora nos tempos de atención”.
Neste senso incídese en que para a maioría das bases do Salnés (Grove, Portonovo-Sanxenxo, Cambados e Caldas) o hospital de referencia é Pontevedra, o que provoca que importantes áreas queden descubertas cando as ambulancias teñen que desprazarse até a cidade. E non hai que esquecer que os vehículos desta zona prestan tamén servizo en localidades das comarcas de Caldas e do Ulla.
En consecuencia, na central sindical teñen constatado que esta situación implica que se produzan atrasos no momento de acudir a unha urxencia vital, “o que en non poucas ocasións tivo consecuencias fatais que noutras circunstancias pode que non se tivesen producido”. De feito, Aboi sinalou que na comarca do Salnés fálase de até sete casos recentes con resultado de morte que puideron ter relación con esta circunstancia.
A mesma situación dende hai unha década
O responsábel sindical lembrou durante a comparecencia diante dos medios de comunicación que hai arredor dunha década que a central ofrecera unha rolda de prensa para denunciar o caos que comezaba a producirse xa daquela no servizo. “Pois atopámonos que a día de hoxe contamos practicamente cos mesmo recursos, xa que só se dotou o Salnés dunha medicalizada que agora está todo o ano durante 24 horas, aínda que cando vai para Sanxenxo substitúena por unha de 12 horas”.
E isto a pesar de que que a poboación aumentou e o turismo multiplicouse, segundo datos da propia Xunta e do Concello. “Isto fixo que a comarca do Salnés pasase de 30 servizos urxentes diarios a 48. Por exemplo, no caso de Vilagarcía rexístranse 13 diarios, dos 9 que se contabilizaban hai unha década); e no Grove aumentaron un 30% no último ano”. O que provocou que as ambulancias chegasen tarde a varios accidentes graves rexistrados este verán.
De feito, Aboi asegurou que o propio Consello de Contas recoñece nun informe o atraso que rexistran os vehículos do servizo de transporte urxente do 061, con atrasos de até media hora no caso das ambulancias medicalizadas, o que ten provocado as queixas do persoal médico e de enfermaría.
Por iso agarda que ante o novo concurso de adxudicación do servizo, previsto para novembro, “a Xunta non pretende seguir aforrando cartos a costa da vidas das persoas”. Porque considera que non pode ser que en Cambados un vehículo teña que facer até 16 servizos diarios, ou 18 en Vilagarcía 18. Nin que no caso do Grove dos 14 rexistrados 10 tivesen que desprazarse a Pontevedra, ou que a ambulancia de Caldas teña que facer servizos no Grove, cando se tarda unha hora. “Nalgúns destes casos o persoal non tivo tempo nin para comer en todo o día”, censura.
Aplicar o sentido común
Diante disto, quere deixar moi claro que o único que se reclama é “que se aplique o sentido común” e que se dote o servizo dos medios e recursos necesarios. En concreto, para a área do Salnés demándase que a Soporte Vital Básico (SVB de Vilagarcía que presta servizo en xullo e agosto durante 12 horas sexa ampliada para todo o ano.
Que a SVA durante 24 horas con base no hospital do Salnés preste servizo os 12 meses do ano nesta base atendendo aos criterios técnico-asistenciais, co aumento da dotación para pasar dun técnico/a a dous, “igual que o resto de ambulancias do mesmo tipo no resto do territorio galego”.
Dotar dunha ambulancia medicalizada na base Sanxenxo (Portonovo) durante o período estival, distinta da que ten a súa base no hospital do Salnés. Aumentar unha ambulancia SVB 12 horas durante os tres meses do período estival con base en Sanxenxo. “Entendemos que estas medidas non suporían unha grave contía económica e virían a paliar as deficiencias que neste momento ten o servizo e os prexuízos que está a causar tanto para os traballadores/as como para as persoas usuarias da sanidade pública”.
En canto á área de Pontevedra solicitan a ampliación da ambulancia de Marín a 24 horas ao igual que se fixo noutras localidades galegas como Baiona ou Ponteareas (actualmente 16 horas a cargo do 061), “xa que corremos o risco de que no seguinte concurso a empresa que se faga cargo non asuma como mellora as 8 horas diarias a maiores”.
Ademais, unha nova ambulancia SVB no base en Pontevedra durante como mínimo 12 horas diarias todo o ano para axudar a desconxestionar a área. E a ampliación da SVA sanitarizada, pasando de un/ha a dous/as técnicos/as.
Eliance volve incumprir o contrato do transporte sanitario aéreo coa permisividade do 061
O contrato formalizado en 2019 con Eliance para a prestación do transporte sanitario aéreo do 061 establece que os helicópteros que fagan este servizo deben estar operados por 2 pilotos -1 comandante/piloto e 1 copiloto/piloto-, pero dende o pasado 8 de xullo a figura do copiloto/piloto foi substituída por un tripulante HEMS, que non ten capacitación para manexar a aeronave en caso de que o/a comandante sufra algún contratempo.
Para a CIG-Saúde esta configuración Piloto/Tripulantes, a máis dun incumprimento de contrato, supón unha rebaixa substancial na seguridade, tanto para doentes como para o persoal sanitario, nas operación do servizo de transporte sanitario aéreo, atendendo á meteoroloxía e xeografía complexa que ten Galiza para voar.
A dirección da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 era coñecedora desta situación dende que recibiu por parte de Eliance o cronograma para o mes de xullo, mais non informou as traballadoras e traballadores nin as delegadas e delegados de saúde laboral nin tampouco á representación sindical até que o propio 8 de xullo, día no que empezaba a traballar o tripulante HEMS.
Esta mesma situación xa se produciu puntualmente no mes de abril entre os días 20 e 22, cando tamén foi denunciada pola CIG-Saúde por escrito diante da dirección do 061, pero no actual mes de xullo esta circunstancia vaise producir como mínimo durante 10 días, segundo o cronograma de Eliance presentado á dirección do 061.
Neste momento o contrato servizo de transporte sanitario aéreo do 061 esta prorrogado a espera dunha nova licitación ao ter rematado o actual contrato en abril e ter quedado deserto no mes de xuño un novo contrato para o servizo por un importe de 9.989.620,62 euros.
O persoal das ambulancias evidencia a súa disposición a loitar por un convenio digno na 1ª xornada de folga
Traballadores e traballadoras do transporte sanitario urxente e non urxente de toda Galiza están secundando este xoves a primeira das cinco xornadas de folga convocadas en resposta á falta de avances na negociación colectiva, para reclamar condicións laborais, salariais e sociais dignas así como unha mellora do servizo.
Para dar máis visibilidade a súa loita, o persoal, alén dos piquetes informativos, protagonizou varias mobilizacións nas distintas comarcas, tanto con manifestacións e concentracións nos centros hospitalarios de referencia como polas rúas das cidades. En Cee sumouse á concentración diante do Hospital Virxe da Xunqueira o colectivo de bombeiros/as, en loita tamén por unhas condicións laborais dignas; mentres que en Pontevedra, o persoal en folga das ambulancia coincidiu diante da Deputación coa mobilización do persoal do metal, que hoxe tamén está en folga polo seu convenio.
No resto de áreas, as mobilizacións centráronse nos hospitais de referencia, onde se realizaron concentracións, repartos de follas informativas entre usuarios e usuarias e manifestacións polas inmediacións dos centros.
A xornada de folga está transcorrendo sen incidencias e, a pesar dos abusivos servizos mínimos impostos polo SERGAS, que no 061 son do 100%, o seguimento do paro "é practicamente total entre o persoal que pode exercer o seu dereito a folga".
Para o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, a resposta a esta primeira xornada de paro evidencia a implicación de todas as traballadoras e traballadores polo que instou "a patronal e a Xunta a tomar boa nota" e desbloquear o conflito. Lembra que o paro continuará mañá e se non hai avances a folga repetirase os días 19, 20 e 21 de xullo.
Critica que no tempo transcorrido dende que se anunciaron os paros, a patronal non se puxera en contacto coa representación social para retomar as negociacións, que están estancadas a causa da negativa do empresariado a entrar sequera a valorar as propostas trasladadas polos sindicatos.
Pastoriza lamenta tamén a falta de implicación da Xunta de Galiza tendo en conta que unha parte importante das problemáticas laborais deriva da infradotación dos contratos. Neste senso, volveu rexeitar o tratamento que o Goberno galego lle dá ao sector cando "é parte esencial da sanidade pública". "O transporte sanitario é a primeira liña de actuación na atención a doentes e persoas accidentadas, pero a Xunta considérao como o irmán pobre da sanidade. Contamos coas mesmas ambulancias e persoal que hai dez anos ".
Garantir o poder adquisitivo dos salarios
Sobre as demandas dos e das traballadoras, o representante da CIG explica que a nivel económico as posturas están afastadas por canto a patronal non quere asumir a inclusión dunha cláusulas de revisión que opere ano a ano referenciada ao IPC, como garantía do mantemento do poder adquisitivo dos salarios. A patronal tampouco quere mellorar os permisos retribuídos nin as coberturas por IT alegando que existen uns niveis de absentismo moi elevados.
Precisamente, Pastoriza salienta que debido a infradotación de persoal e ao aumento do número de servizos, nos últimos anos as baixas multiplicáronse, sendo un 90% provocadas por lesións musculo-esqueléticas. Relacionado con esta problemática, na plataforma sindical pídese unha redución da xornada anual de 40 horas que a patronal quere limitar á metade, pretendendo ademais introducir un novo sistema de horas que substitúa as horas presenciais, que foron declaradas ilegais pola xustiza.
En toda Galiza hai entre 1.800 e 2.000 traballadores e traballadoras pero para poder desenvolver este servizo público en condicións adecuadas sería necesario aumentar o número de ambulancias e incrementar o persoal nun 30 ou 40%, "porque nas distintas áreas sanitarias fanse por riba dos 20 servizos, o que supón unha carga de traballo inasumíbel".
CIG-Saúde denuncia que o recorte de horarios no servizo de helicópteros do 061 limita a súa operatividade para atender urxencias
O helicóptero non estivo dispoñíbel por ter rematado o seu horario, ao longo do verán, para avisos de afogamentos, paradas, accidentes ou o tráxico suceso no rally de Carral
Os helicópteros da Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061 teñen recortada, desde o mes de marzo deste ano, a súa operatividade a tan só 12 horas. A CIG-Saúde denuncia que isto está a limitar a súa dispoñibilidade para atender urxencias nas que, se cadra, non se evitaría un fatal desenlace pero para as que si se porían ao alcance todos os medios dispoñíbeis. Segundo persoal do propio 061, o recorte da operatividade a determinadas horas do día vense repetindo ao longo deste verán para avisos de urxencias como paradas cardíacas, afogamentos ou mesmo no recente accidente do rally de Carral.
Rosario Rúa, representante da CIG-Saúde na Xunta de Persoal do 061, lembra que desde o ano 1990 os dous helicópteros sanitarios galegos viñan funcionando todas as horas de luz do día (de Orto a Ocaso). Porén, co novo contrato o período de servizo é de orto +12 horas, ocaso -12 horas. É dicir, o helicóptero con base na provincia da Coruña (Santiago) comeza a funcionar á saída do sol e está operativo 12 horas e o outro, con base na de Ourense, está operativo 12 horas antes do solpor.
Rúa explica que desde o 19 de marzo até o 27 de setembro o orto sitúase ás 8:00 horas, o que implica que o helicóptero de Santiago funciona desde esa hora até ás 20:00 horas (12 horas en total).
A consecuencia deste recorte, afirma, é que “ a primeira hora da mañá toda a zona de Ourense está descuberta e a última hora da tarde é a costa e o eixo atlático os que están descuberto”.
Segundo a representante da CIG-Saúde na Xunta de Persoal do 061 “isto foi o que ocorreu no accidente de Carral. Non houbo helicóptero porque o de Santiago xa rematara o seu horario e o de Ourense está a 35 minutos e, polo tanto, non é operativo”.
O caso de Carral non é o único para o que non houbo helicóptero dispoñíbel, pero si o que tivo un desenlace máis dramático, que “se cadra, neste caso, tería sido o mesmo de dispor deste medio”, especifica. “No decurso do verán houbo avisos doutras urxencias pasadas as 20:00 horas e non houbo helicóptero. A xente non o sabe porque ao final se solucionan con outros recursos máis lentos ou menos adecuados e así tápase esta irresponsabilidade”.
A CIG-Saúde considera grave que se recorte nestes medios que poden ser vitais en certos casos e subliña que o aforro pretendido é “unha miseria”. “Se dixeramos que se aforra unha barbaridade de cartos…, pero non, o certo é que só é o aforro do soldo dun piloto e un copiloto durante seis meses”, matiza Rúa.
A representante da CIG sinala ademais que as chamadas dos avisos quedan todas rexistradas e que hai constancia, polo tanto, de que hai servizos aos que non se pode ir por mor dese novo horario: un afogamento, un accidente de tráfico, unha parada en Ribeira, non sae na prensa… malia ser aínda de día.”
Respecto do dramático accidente de Carral matiza ademais que os propios técnicos das ambulancias din o mesmo, “botamos moito de menos un helicóptero porque estaba colapsado o tráfico”.
Rúa entende que de estar o helicóptero operativo “tería chegado primeiro, pero non se puido”, e por iso reitera que non se pode permitir que se manteñan ou se repitan estes recortes.
A Xunta outorga máis do 50% do concurso de ambulancias a un fondo de capital risco dun exalcalde e exdeputado provincial do PP
O BNG demandará no Parlamento a paralización do concurso e que se analice se a oferta económica garante un servizo de calidade do transporte sanitario urxente en Galiza
O representante da FGAMT-CIG, Xabier Aboi, e a deputada do BNG, Montse Pardo, comparecían este venres en rolda de prensa para denunciar as irregularidades no proceso de adxudicación do Servizo de Transporte Sanitario Terrestre Urxente. Un concurso que está xa en fase de adxudicación e que irá a parar, en máis dun 50%, a Ambuibérica, empresa participada maioritariamente por un fondo capital-risco que ten á fronte a un exalcalde e exdeputado provincial do PP en Valladolid.
Segundo explicaron, a mediados do ano 2014 a Xunta deu a coñecer o borrador para o concurso das ambulancias do 061, que contempla 11 ambulancias de soporte vital avanzado, coñecidas como medicalizadas; 101 ambulancias de soporte vital básico, as clásicas do 061, e outras 2 máis de apoio.
Este borrador estabelecía unha puntuación do 50% para a oferta económica e outro 50% para a oferta técnica e a concesión do servizo por un período de 4 anos, prorrogábel a 6, cun custo máximo de 121 millóns de euros, unha cantidade equivalente a 30,25 millóns de euros anuais.
Tal e como lembrou Xabier Aboi, nese momento a CIG xa advertiu que era “unha barbaridade dar a mesma puntuación á oferta económica que ás ofertas técnicas e asistenciais” entendendo que priorizar o económico sobre o asistencial supón “tratar a saúde como un negocio”.
O concurso foi ademais paralizado durante meses e posteriormente modificado. Así o explicou a deputada nacionalista, Montse Prado, quen sinalou que a adxudicación do anterior estaba prevista para o 15 de abril de 2014 e denunciou que “estamos a finais de xuño e está sen rematar”.
Prado explicou ademais que este concurso ten xerado malestar entre as pequenas empresas galegas do sector, polas condicións que lles solicitaban. “Téñeno cualificado como moi agresivo xa que mentres que se mantén a contía do anterior, porén exixen toda unha serie de melloras técnicas canto a instrumental médico, localización de datos…”
A isto engadiu que esas empresas denunciaban ademais que era moi axustado e que lles estaba resultando moi difícil poder ter os traballadores/as cos salarios que estabelece o convenio, polo que volver convocar o concurso coas mesmas contías económicas ía facer moi difícil afrontar os requirimentos que exixía.
Empresas beneficiadas
E así ocorreu porque, segundo explicou Aboi, coa apertura dos sobres do concurso descubriuse que moitas das empresas que tiveran máis puntuación na oferta técnica perderan na económica, na que se chegaron a presentar propostas con baixas temerarias de case o 7% nalgunha comarca como Compostela. “Isto quere dicir que de 121 millóns que tiña de custo o concerto, as empresas rebaixaron máis de 3 millóns e medio para quedar co concurso”, sinalou.
A consecuencia disto foi que “a maior parte dos empresarios galegos desapareceron ou tiveron que aliarse baixo a ameaza de desaparecer do sector alentados desde a propia patronal polo Presidente da FederaciÓn Galega de Ambulancias, Enrique Blanco, que é, ao mesmo tempo, o enviado da empresa AMBUIBÉRICA”, explicou o representante da FGAMT-CIG.
O resultado final é que neste momento, coas concesións dadas, AMBUIBÉRICA –que tiña unha presenza testemuñal no sector en Galiza- pasa a ter máis do 50% do concerto, contando empresas propiedade dela ou participantes en UTES, quedando para o empresariado galego do sector unicamente as provincias de Ourense e Lugo.
AMBUIBÉRICA
A respecto de AMBUIBÉRICA, Aboi denunciou que é unha sociedade participada maioritariamente por un fondo de investimentos “Proa Capital de Inversiones”, que foi fundada en 2007 e que está dirixida polo exalcalde do PP en Mayorga (Valladolid), Carlos Magdaleno Fernández, que ademais aparece en moitas máis empresas co aínda presidente da patronal galega, Enrique Blanco. “Unha empresa que está en proceso de venda a un grupo francés PAI Partners, vinculado a Banca Paribas –unha das maiores bancas francesas-, por un valor de 300 millóns de euros. Venda que á súa vez está vinculada á conquista de concesións en Catalunya e Galiza”, denunciou.
Lembrou que esta empresa vén precedida de escándalos, conflitos e rescinsións de contrato noutras partes do estado e tanto el como a deputada nacionalista lembraron o caso de Euskadi, onde o deterioro asistencial, o despedimento de técnicos substituídos por alumnado e as rebaixas temerarias nos salarios xa provocaron a apertura dunha comisión de investigación no Parlamento Vasco, na que están declarando sindicatos, traballadores e outros organismos.
Unha situación semellante sinalaron en Aragón, onde se chegaron a producir denuncias de viaxes por valor de case 200.000 euros, mesmo “utilizando os datos de persoas falecidas”, asegurou Aboi. Denuncias que tiveron como consecuencia que lle retirasen a esta empresa o concerto e que agora o tema estea nos xulgados por delito penal. Exemplos similares relataron en Catalunya, onde o asunto está tamén no xulgado, en Castela A Mancha ou en Cantabria.
Consecuencias laborais das baixas temerarias nos concursos
O representante da FGAMT-CIG denunciou que o modelo ao que recorren este tipo de empresas é sempre o mesmo: primeiro rebaixan a oferta económica para facerse co concerto, despois declaran perdas para rebaixar salarios e condicións laborais, ao tempo que negocian coa administración un incremento do montante económico. Entre mentres, prodúcese un importante deterioro da calidade asistencial.
Un modelo que Prado cualificou de “dumping empresarial” e que o representante da CIG denunciou por entender que o PP o “permite”, entregando “recursos públicos a empresas de fóra de Galiza, de capital risco e cunha forte vinculación ao propio PP”, afirmou.
Ante isto, o BNG xa anunciou que demandará no Parlamento de Galiza que se paralice o concurso e que se analice polo miúdo se realmente con esta oferta económica se ofrece e garante un servizo de calidade do transporte sanitario urxente en Galiza.
Os traballadores de Ambulancias do Eume acordan suspender as horas extras en protesta polos atrasos salariais
A empresa, que presta o servizo do 061 en Pontedeume, Ares, Mugardos e Monfero, está en concurso de acredores
A FGAMT-CIG compareceu este martes en rolda de prensa para informar da situación laboral que están a padecer os traballadores de Ambulancias do Eume, que presta o servizo do 061 en Pontedeume, Ares, Mugardos e Monfero. O persoal sufre continuos atrasos no cobro dos salarios e nestes momentos a empresa –que está en concurso voluntario de acredores- ten pendente de pagarlle as nóminas de xullo, agosto, setembro e outubro do pasado ano.
O responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, acompañado de Francisco Cartelle, explicou que a nefasta xestión do empresario e a acumulación de débedas coa Seguridade Social, Facenda, os traballadores, os provedores e incluso coa UTE na que está integrada, levaron á situación concursal actual.
Porén, dende que o pasado mes de febreiro o administrador nomeado polo Xulgado do Mercantil da Coruña se fixera cargo da xestión de Ambulancias do Eume, os atrasos no pago dos salarios continúan. “E iso que o administrador se comprometeu coa CIG e co delegado de persoal a que o abono das nóminas se ía facer puntualmente”, apunta Pastoriza.
A este respecto engade que, a pesar de que a Fundación 061 ingresou o pasado 18 de abril as cantidades correspondentes aos servizos de marzo, “non foi até hoxe que o administrador ordenou o ingreso dos salarios, curiosamente o día que tiñamos convocada rolda de prensa. Este tipo de atrasos inxustificados non os entendemos”, critica.
Aos atrasos, haille que sumar as catro nóminas que a empresa aínda ten pendentes de pagar, correspondentes aos meses de xuño, xullo, agosto e setembro de 2014. Sobre isto, Xesús Pastoriza indicou que o administrador concursal tamén se comprometeu hai un mes a entregar as certificacións aos traballadores para que poidan acudir ao FOGASA reclamar as cantidades, “pero segue sen facilitalas”.
Medidas de presión
Á vista dos reiterados incumprimentos, os traballadores acordaron unha serie de medidas para facer fronte a unha situación que cualifican de “insostíbel”. En primeiro lugar, vanse persoar no Xulgado do Mercantil 1 da Coruña poder acceder a toda a documentación relativa ao proceso, mais tamén para trasladar as queixas polas actuacións do administrador nomeado. “E non descartamos pedir a súa revogación”, advertiu o representante da CIG.
Doutra banda, os traballadores van suspender a realización de horas extraordinarias. Decisión que comunicarán mediante escrito ás partes implicadas: empresa, 061, UTE e administración concursal. A negativa a traballar por riba da xornada mensual máxima estabelecida (160 horas ordinarias e 50 de presenza) podería supor “que cara a finais de mes a ambulancia quede inoperativa e o servizo de urxencias sanitarias de Pontedeume, Ares, Mugardos e Monfero sen cobertura”.
Neste senso, Pastoriza subliñou que até o de agora o servizo foi atendido á perfección porque “o persoal estivo facendo traballo moi por riba do que lle corresponde. Pero a situación é insostíbel: débenlle salarios, dietas, horas, sofren atrasos nos cobros e mesmo se atopan con problemas para coller as vacacións”.
Para garantir o respecto das condicións dos traballadores e a prestación do servizo de transporte sanitario urxente nesta zona, dende a FGAMT-CIG demándase a intervención inmediata tanto da Fundación 061 como da Administración concursal “e que non continúen permitindo esta situación na empresa”.
A Xunta aplica outro recorte na asistencia sanitaria ao limitar a 12 horas a operatividade dos helicópteros do 061
CIG-Saúde denuncia que o Goberno do PP confunde “a eficiencia na xestión dos recursos públicos coa redución dos mesmos”
A CIG-Saúde alerta que, por primeira vez na historia dos helicópteros sanitarios (encargados de actuar en situacións de emerxencias sanitarias) non estarán activos dende a saída do sol até o ocaso, senón que por mor do novo contrato, pasarán a ter unha operatividade de 12 horas, “o que supón unha perda de operatividade para situacións de emerxencias de 394 horas ao ano”.
A CIG-Saúde lembra que dende o pasado 1 de xullo os helicópteros sanitarios – que até entón estaban xestionados polo 112- pertencen á Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061, que acaba de remitir un comunicado ao persoal informando dos novos horarios destes aparatos. A partir de agora, terán recortada as súa operatividade naqueles días nos que o tempo entre a saída do sol e o ocaso é superior a 12 horas.
Dende o 19 de marzo até o 26 de setembro os días duran máis de 12 horas, polo tanto, dende esa data, parte do día non estará cuberto para posíbeis emerxencias en lugares lafastados dos recursos medicalizados terrestres.
Se no ano 2014 a Consellaría xa recortaba este servizo repartindo a operatividade entre o helicóptero en Santiago e o que ten base en Ourense (unha aeronave comezaba a funcionar á saída do sol e estaba operativa 12 horas, mentres que a outra estaba operativa 12 horas antes do solpor), “neste 2015 úneselle outro novo recorte: nunca estará operativo o helicóptero antes das 7:30 e despois das 21:30 horas”.
Como exemplo do que este cambio implica, a CIG-Saúde explica que no caso dun accidente ocorrido na Costa da Morte ás 07:15 horas do mes de xuño non se disporá de ningún helicóptero operativo para enviar socorro, a pesar de ser xa de día. De igual maneira, un accidente de trafico saíndo das praias en Muros ás 20:00 horas ten o helicóptero mais próximo en Ourense.
No mesmo senso, unha emerxencia ocorrida no Barco de Valdeorras ás 08:00 horas ten o helicóptero sanitario a uns 40 minutos de voo, mentres que até agora estaba a 15 minutos. “Agora esquecemos os ‘20 minutos de ouro’”, denuncian, en referencia ao tempo recomendado como máximo para a atención ás emerxencias nas zonas rurais.
“A Xunta anuncia escandalosamente o novo edificio de xestión das emerxencias na Estrada, cun altísimo custe económico, como un gran logro, cando se recorta na atención a esas emerxencias”, critican
A CIG-Saúde considera este novo contrato un recorte na asistencia sanitaria á cidadanía, encadrado dentro da política do Goberno Galego do PP “que confunde a eficiencia na xestión dos recursos públicos coa redución dos mesmos”.
Técnicos de emerxencias sanitarias trasládanlle aos grupos parlamentarios a necesidade dunha ambulancia medicalizada no Salnés
As xuntanzas celebráronse en Santiago no marco da campaña da FGAMT-CIG de Pontevedra para esixir maior cobertura no transporte sanitario público
Técnicos/as de emerxencias sanitarias trasládáronlle hoxe aos catro grupos políticos con representación no Parlamento galego a necesidade de que a comarca do Salnés conte cunha ambulancia medicalizada. As xuntanzas celebráronse hoxe en Santiago de Compostela no marco da campaña da FGAMT-CIG de Pontevedra para esixir maior cobertura no transporte sanitario público.
Os profesionais de emerxencias sanitarias estiveron no Parlamento galego acompañados de Xavier Aboi, responsábel da FGAMT-CIG de Pontevedra, con quen acudiron a entrevistarse con representantes dos grupos parlamentarios do BNG, AGE, PSOE e PP.
As xuntanzas celebráronse a iniciativa da federación de Transporte da central nacionalista, que puxo en marcha unha campaña para reclamar maior cobertura no transporte sanitario nas comarcas de Pontevedra e do Salnés.
Os técnicos/a de emerxencias sanitarios explicaron que está totalmente xustificada a necesidade de que O Salnés conte cunha ambulancia medicalizada, “xa que se cumpren todos os ratios que así o establecen, tanto de poboación (preto de 160.000 habitantes) como de número de concellos e de superficie”. Por este motivo din non entender como é posíbel que a Xunta siga sen dotar a comarca deste vehículo, “máis cando está pendente de adxudicar o servizo do 061”.
Ao mesmo tempo, sinalaron que a ausencia da ambulancia medicalizada provoca que cada vez que se produce unha urxencia vital os sanitarios/as teñen que dirixirse ao Punto de Atención Continuada para recoller o persoal necesario, “polo que se deixa sen cobertura estes centros”.
Tamén denunciaron que a falta dunha ambulancia deste tipo fai necesario que se teñan que levar a cabo transferencias en rota de pacientes (cambialos/as dunha ambulancia a outra en pleno traslado). Os profesionais advirten que este tipo de recursos, que son considerados excepcionais nos protocolos, son cada vez máis habituais.
Diante disto, o BNG comprometeuse cos técnicos/as sanitarios e co representante da FGAMT-CIG de Pontevedra a presentar unha iniciativa no Parlamento reclamando a ambulancia medicalizada para a comarca do Salnés, así como mocións nos distintos concellos afectados.
I feel so free!